Kings of the Beach lideran o cartel do Festival da Trastenda

O vindeiro sábado 31 de xullo celebrarase a terceira edición do Festival da Trastenda na Pobra do Caramiñal. Organizado pola Asociación cultural e centro social A Trastenda. Celebrarase nas pistas do Lapido e a entrada será de balde ata completar a capacidade do recinto e cos correspondente protocolos e medidas anticovid.

O cartel lidérao Kings of the Beach. Os vigueses son unha das bandas máis en forma da escena punk galega e que conta ás súas costas con traxectoria internacional.

Xunto a eles estarán bandas como Copa Turbo, que nace no 2017 en Compostela. Presentarán o seu recente primeiro EP que mestura post punk, noise e garaxe. Pola súa banda, Bule traerán dende Pontedeume o seu power pop vitaminado con raíces punk.

Tamén quedará espazo para as bandas locais. Human está a dar os seus primeiro pasos, pero entre os seus compoñentes hai membros de Proyecto Moucho ou de Golpe Radikal. Os Bar Ban Sónicos, banda de garaxe punk, veñen de publicar un novo sinxelo que serve de adianto do que será o seu primeiro álbum que verá a luz este mesmo ano.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.