Letras polo Nadal: once agasallos literarios para non perder nestas datas

Nadal. Un ano máis. Unha época chea de luz e boas intencións para os seus seareiros pero frenética e confusa para os seus detractores. Unha época de lupandas, obrigadas reunións familiares e entrega ao capital na que autenticidade a miúdo se ve desprazada por unha ostentosa opulencia no que atinxe á escolla dos agasallos para as nosas familias e amizades. Motivo polo que nunca está de máis reivindicar outro tipo de celebracións e outro tipo de agasallos para estas datas, sendo o libro en galego o gran obsequio a defender nesta última categoría.

Ademais, o que será o último Nadal da década vén cargado de novidades para todos os gustos e sensibilidades no eido literario, demostrándose unha vez máis que, malia a precariedade ou os prexuízos que aínda axexan as letras en galego, o noso sistema literario pode asistir un amplo abano de públicos á hora de elixir o agasallo perfecto. E velaquí van once das propostas máis destacadas deste ano editorial que agora remata para tal fin.

Galaxia

Atlas

Alba Cid

A nosa lista comeza cun poemario francamente sorprendente, que debuxa unha paisaxe versificada universal nada da fascinación pola diversidade e o diferente. A poeta Alba Cid, que xa participara en publicacións colectivas coma Poética da casa (2006) ou No seu despegar (2016) e xa contaba cunha recoñecida traxectoria como crítica literaria en distintos medios de comunicación, convídanos da man da colección Dombate de Galaxia a unha viaxe singular a través dunha lírica que non contempla a indiferenza do lectorado, construída sobre un metro irregular e tendente ao microrrelato, que reconverte as experiencias do camiñar polo mundo en auténticas experiencias poéticas dignas dun abraiante agasallo de Nadal.

Aira Editorial

Frankestein ou o moderno prometeo

Mary Shelley

Tradución: Samuel Solleiro
Ilustracións: Miguel Robledo

O repertorio de grandes clásicos universais traducidos ao galego continúa ampliándose con achegas significativas coma este novo Frankenstein, a xa mítica novela de Mary Shelley concibida nun verán que non foi tal. Se ben esta obra xa contaba cunha tradución ao galego a cargo de Fernando R. Tato Plaza (publicada por Galaxia en 1999), desta volta Aira Editorial sobe a aposta cunha edición de coleccionista pensada para todas aquelas persoas que valoran o libro como obxecto e como peza de arte. Miguel Robledo encárgase da parte artística dunha nova tradución asinada por Samuel Solleiro e baseada na edición de 1818 do texto de Shelley. Unha proposta máis que acaída para os agasallos destes días de Nadal.

Rinoceronte Editora

Como se fai unha rapaza

Caitlin Moran

Tradución: Estela Vilar Nogueira

Como ser muller, a mordaz e incisiva obra da escritora e xornalista británica Caitlin Moran sobre a femininidade e o feminismo, acha en Como se fai unha rapaza a súa continuación natural, tamén impregnada dese humor e ironía que fixeron tan célebre á súa predecesora. Rinoceronte Editora volve ser a responsable da publicación do texto de Moran en galego, cunha espléndida tradución de Estela Villar Nogueira que trae á nosa lingua as reflexións semi-autobiográficas da súa autora, retrotraéndose ás lembranzas da súa adolescencia e como estas configuraron o seu xeito de entenderse como muller. Unha lectura máis que recomendada para aquelas que busquen un agasallo divertido á vez que comprometido.

Galaxia

Unha historia da música en Galicia, 1952-2018

Fernando Fernández Rego

Fernando Fernández Rego acometeu a incrible tarefa de recompilar nunha única publicación máis de seis décadas de historia da música en Galicia, logrando coa súa investigación e escrita unha obra referencial e que xa é imprescindible para calquera que queira levar a cabo unha primeira aproximación á nosa historia melódica. Nas máis de oitocentas páxinas deste volume colosal e enciclopédico que edita Galaxia, Fernández Rego recolle as traxectorias das artistas máis diversas e os estilos máis diferenciados (pop, rock, jazz, folk, beat, a Movida viguesa, etc.), un agasallo perfecto para melómanas de pro e para calquera que queira saber máis sobre a nosa música.

Xerais

Xelís, o guieiro das botellas de mar

Rosa Aneiros

En tempos de urxencia climática e activismo a prol dun cambio real para parar o ritmo das emisións de dióxido de carbono e o impacto do noso modo de vida no medio ambiente, Rosa Aneiros trae un relato para a cativada que aborda todas estas cuestións e que foi merecedor do Premio Merlín de Literatura Infantil neste ano 2019. Unha narración cun fondo gromo didáctico que busca facer partícipe ao lectorado máis miúdo da aventura de Xelís para deter a illa de plásticos que ameaza con destruír os mares e que tamén busca conciencialo dunha causa que axexa o benestar da seguinte xeración. Moito máis recomendable que unha tablet para deixarlle ás nosas crianzas debaixo da árbore.

Através Editora

Antologia da poesia em galego

Ricardo Carvalho Calero

Edición: Paulo Fernández Mirás

A lírica de Ricardo Carvalho Calero segue sendo unha gran descoñecida mesmo para moitas das persoas interesadas na súa figura senlleira e na súa formidable traxectoria literaria e investigadora. Sendo ademais o persoeiro nomeado pola RAG para a súa homenaxe no Día das Letras Galegas de 2020, esta antoloxía dos seus poemas chega no momento máis oportuno. Através Editora edita esta escolma realizada por Paulo Fernández Mirás que verte luz sobre un xénero tamén magnificamente traballado por este autor imprescindible das nosas letras e que tamén fai un agasallo espléndido para estas festas.

Laiovento

Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña (1707)

Salvador Francisco Roel

Edición: Julio Montañés, Anxo Angueira e Ramón Mariño Paz

O afán pola recuperación da nosa dramaturxia máis temperá motiva esta nova publicación de Laiovento, que nos trae unha peza insólita do noso teatro e da produción literaria dos Séculos Escuros. Julio Montañés, Anxo Angueira e Ramón Mariño Paz realizan o estudo e edición dun texto único, ignoto ata hai ben pouco e de gran relevancia lingüística, incalculable valor histórico e moi notable importancia literaria. Todo un fito editorial deste ano 2019 co que reivindicar as orixes da nosa literatura dramática e que tamén serve como un moi valioso agasallo de Nadal.

Cuarto de Inverno

Irmá Paxaro

Tamara Andrés

Ilustracións: María Montes

Neste 2019 que vai chegando ao seu remate recibimos con entusiasmo o nacemento dun novo selo editorial galego que trouxo baixo o brazo novidades máis que prometedoras. Unha destas novidades é este Irmá Paxaro, un fermoso poemario de Tamara Andrés e ilustrado por María Montes no que a voz poética examina os vínculos familiares, o decorrer dun tempo implacablemente fugaz e a morriña da infancia baixo o prisma do lirismo. Un libro cun fondo autobiográfico que a súa autora non oculta e que resulta nun dos agasallos máis belidos cos que lembrarnos das nosas particulares “irmás paxaros”…

Baía Edicións

As fauces feroces

Emma Pedreira

A solvencia narrativa e o talento incontestable de Emma Pedreira son xa valores seguros na nosa literatura actual, sendo cada título nado da súa pluma un imprescindible con maiúsculas ao que acudir con presteza. Nas páxinas de As fauces feroces, publicado neste ano na colección de narrativa de Baía Edicións, Pedreira obséquianos cunha narración sorprendente e poliédrica na que se atopan varias voces, varias mulleres cuxas vidas e peripecias dan pé a unha serie de reflexións sobre o devir muller na historia. O prólogo a cargo de Eli Ríos (e que interconecta co seu Remexido de Patacas, tamén publicado nesta colección) é un aliciente máis para non deixar de abraiar á nosa familia e amizades con este sólido agasallo literario.

Sushi Books

Os secuestradores de Burros

Gerald Durrell

Tradución: Moisés Barcia

Unha proposta máis axeitada para o público mozo é esta novela de Gerald Durrell, publicada na súa edición orixinal en 1968 e agora vertida ao galego por Moisés Barcia para Sushi Books. Neste relato, inspirado polas propias vivencias do seu polifacético autor, lánzase unha mensaxe contestataria e reivindicativa cun ton cómico a través da historia de Amanda e David, dúas crianzas que se propoñen acabar coas inxustizas e as corruptelas do alcalde dunha pequena vila sita nunha illa grega secuestrando todos os burros, animais indispensables para o desenvolvemento da vida cotiá. Unha lectura amena e moi curiosa coa que agasallar ás nosas adolescentes.

Agosto

Miriam Ferradáns

E pechamos esta lista con máis poesía. Desta volta da man da editora Apiario, cuxo compromiso con este xénero literario adoita cristalizar en propostas tan interesantes coma este Agosto de Míriam Ferradáns. Unha edición coidada (cun deseño e un formato ben curiosos), uns versos de gran altura lírica que nos falan da perda e da ausencia e unha colección de suxestivas imaxes fan dela unha obra na que non cabe a indiferenza do lectorado e que proba unha vez máis o talento indiscutible das novas voces da nosa poesía actual. Un agasallo singular e moi inspirador que se agradecería a calquera amizade invisible.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.