A terceira edición de Vive Nigrán, que se celebrará no antigo campo de fútbol de Lourido (Praia América) os próximos 19 e 20 de xullo, incorpora á súa programación un concerto a cargo de Mounqup, o alter ego da cantante franco-galega Camile Hédouin. A súa música electrónica supón unha personalísima proposta de corte vangardista.
O xoves 18 de xullo, e como actividade previa ao festival, o público poderá asistir ao concerto de Mounqup e gozar durante dúas horas dunha experiencia musical e gastronómica a bordo dunha embarcación pola Ría de Vigo nun traxecto que partirá dende Panxón e visitará as Illas Cíes dende o Atlántico, a bordo dun catamarán. As entradas para esta travesía están á venda na web do festival a un prezo de 25 euros a entrada anticipada e 30 euros o mesmo día da viaxe. Todos aqueles que xa adquirisen previamente a súa entrada ou abono para o festival poderán beneficiarse dun desconto do 20% nesta compra.
O resto da programación desta terceira edición dofestival levará a Nigrán nomes destacados do panorama indie estatal como Ángel Stanich ou os galegos Novedades Carminha que estarán presentando seu último disco, ‘Ultraligero‘.