“Movidas da Terra” é unha banda deseñada ecoloxista que busca a reflexión

O proxecto non ve a banda deseñada como fin, senón que nun futuro poderá retomarse

Movidas da Terra é unha banda deseñada na que se resumen seis conflitos históricos baseados en feitos reais entre o ser humano e outras especies de series vivos. Ten un ton anecdótico e dende un punto de vista extraterrestre trata temas relacionados con valores ecoloxistas e intenta facer reflexionar coa súa lectura sobre a pegada do ser humano no planeta.

Será publicada na plataforma Lektu dun xeito totalmente gratuíto para a súa descarga dixital o próximo 22 de abril coincidindo co Día da Terra. Estará dispoñible en galego, castelán e inglés. Será difundido nunha estratexia transmedia de comunicación a través dunha conta de Instagram que tamén difundirá contido de terceiros afín ao discurso da obra.

Javier Blanco Armada, o autor da obra, explica as súas orixes: “Estaba cos meus compañeiros de piso de risas buscando vídeos estraños, experimentos que hai por Internet, e comecei a reflexionar que algunhas cousas que se atopan son divertidas, pero poden ter lecturas máis alá”. Con Movidas da Terra , non busca facer propaganda de ningún tipo, aínda que admite que as súas posicións en certos momentos pódense intuír a pesar de non emitir ningún xuízo persoal nos pasaxes.

A pesar de que tiña claro dende o comezo do proxecto que quería facer unha banda deseñada, en realidade Blanco non tiña unha idea profunda do medio nun comezo: “O primeiro que fixen foi ler moita banda deseñada para intentar aprender”. Mais a súa formación en Comunicación Audiovisual é a que máis peso tivo na narrativa finalmente, xa que se poden atopar referencias claras a filmes como 2001, Odisea no espazo ou O show de Truman.

Isto é incluso máis profundo cando se fala de organización e futuro do proxecto: “Á hora de organizar as viñetas, eu pensaba en fotogramas, polo que en certa medida é un pouco un storyboard. De feito gustaríame dirixir unha animación deste proxecto nun futuro, unha antoloxía do estilo Love, Death + Robots pero con esta temática”, explica Blanco. De feito, estaba preparada unha animación para promocionar o produto, mais a crise da COVID-19 fixo imposible que se finalizara.

Polo tanto, Movidas da Terra non está concibido como un produto final, senón como un proxecto ao que continuar nun futuro. “Quería gardar isto nalgún sitio visible para que poda servir de base para algo. O perfil de Instagram simulará ser un programa especial dun medio de comunicación ficticio, por iso parte a forma da obra simula a dunha radionovela, o que me permitiu incluír cancións que me axudan narrativamente e a buscar algo que conecte coa cultural popular”, engade.

A evolución de técnicas no debuxo tamén é consecuencia da aprendizaxe progresiva : “Ao principio non tiña nin idea, comecei a debuxar en papel co lapis. Logo repasaba a rotulador e pintaba en acuarela. Máis tarde, no ordenador dixitalmente engadía elementos como a sombras”, comenta o autor de Movidas da Terra.

A medida que foi avanzando, isto cambiou: “As historias que contaba eran cada vez máis próximas no tempo comecei a darlle máis importancia ao dixital. Nas dúas últimas hai moitísimos elementos de collage”, conclúe Blanco. Entre outros proxectos deste autor atópanse as ilustracións do primeiro libro de David Casal, De pé no océano.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.