‘Mrs. America’: A revolución feminista vs. as Karens

Cando FX encargou a Dahvi Miller (Mad Men) a posta en marcha de Mrs. America, o lonxevo debate sobre a ratificación da Emenda de Igualdade de Dereitos (ERA) levaba uns meses aceso na opinión pública. Durante catro décadas, a intensa loita que se librara nos anos 70 pola garantía constitucional da igualdade entre homes e mulleres ficara relegada a unha anécdota histórica da relevancia política acadada pola Segunda Ola Feminista.

Mais co novo impulso da Cuarta Ola e do movemento Me Too, reavivouse o interese por reanudar o proceso de ratificar a ERA. Se ben pouco interese efectivo pode ter hoxe en día, segue a manter unha importante valía simbólica e, sobre todo, funciona como unha marabillosa reacción política demócrata contra a nova ondada conservadora que levou a Trump á Casa Branca.

A mesma que conseguiu tombar a ERA con Reagan na presidencia, e grazas ao infatigable activismo dunhas amas de casa que viron ameazados todos os falsos privilexios que lles facilitaba a -aínda máis- rancia sociedade patriarcal estadounidense dos anos 70. A mesma que, baixo a faciana dos valores de familia cristiáns, condenaba o aborto, a homosexualidade e a igualdade de sexo e raza.

Desta forma, Mrs. America realiza unha sorprendentemente veraz reconstrución do enfrontamento entre feministas e mulleres conservadoras. Evidentemente, a ficción inclínase cara ao bando pro-ERA, mais a forma de narrar os feitos é tan humanamente empática que consegue socavar o seu propósito implícito e escapar da presentación de panfleto de propaganda feminista.

Phyllis Schafly e o seu exército de Karens

Na ficción, o espectador crerá posicionarse nas filas das feministas por sentido común, pois as súas rivais, lonxe de ser retratadas como auténticas villanas, obsérvanse como vítimas do patriarcado, atascadas nunha xa obsoleta concepción sobre como a muller debe levar a cabo o seu rol reprodutivo. E é este tratamento o máis interesante da ficción, guiado por unha convincente fórmula argumental cuxo maior aliciente son as monumentais interpretacións do reparto feminino.

Mrs. America supón un auténtico despregue de rostros recoñecibles, mais quen devora a pantalla é a súa gran protagonista: Cate Blanchett interpreta impecablemente a Phyllis Schlafly, conservadora, católica, misóxina, homófoba e -de xeito menos explícito, como a época esixía- racista. A anti-heroína representa un paradoxo en si mesmo: quen pelexa contra vento e marea por que a muller non teña que saír da casa, é a mesma que se somerxe na política de altos voos para non ter que coller unha escoba.

Debúxase brillantemente o seu carisma, que leva ás súas feligresas a ver nela un modelo de conducta. O paradoxo esténdese a unha brigada de “Karens” que, no intenso activismo, vense forzadas a conxugar as tarefas do fogar con atender chamadas e redactar comunicados de prensa. Debido a que Schlafly foi a única cara visible do Eagle Forum, a meirande parte das súas subordinadas son personaxes inventados. E de feito, enriquecen á ficción, liberándoa parcialmente do férreo -e ás veces aburrido- corsé da veracidade que Mrs. America impón ao acontecer.

De entre todas elas, destaca Alice (Sarah Paulson), quen amosa o lado máis humano do seu bando, así como un natural desenvolvemento cara á ruptura dos anticuados valores que sosteñen as súas colegas. No revelador oitavo episodio, que relata a paradigmática Conferencia Nacional de Mulleres de 1977, imponse ante as súas compañeiras: “Por que estamos convertendo ás mulleres o noso inimigo?”. Brinda tamén neste capítulo os momentos máis cómicos de toda a serie, un descanso entre tanta sobriedade encamiñada á reconstrución de feitos “moi serios”.

A división interna da Segunda Ola Feminista

Aínda que a serie parta das motivacións de Phyllis Schafly, as feministas vanse facendo progresivamente con máis espazo na metraxe, coma un símbolo do progreso da loita na que ían gañando máis campo a medida que transcorría a década. Lonxe de mostrar unha visión idealizada do grupo, relátanse con esmero as loitas internas da Asemblea Política Nacional de Mulleres (NWPC), nunha tensión constante entre a radicalidade e a necesidade de facerse un oco na opinión pública e recibir o apoio dos líderes políticos. Deste xeito, ábrense batallas sistemáticas sobre se incluír no programa asuntos chave como a legalidade do aborto ou a reivindicación dos dereitos das lesbianas.

Vemos aquí excelentemente retratadas a un bo número de iconas da Segunda Ola: Gloria Steinem (Rose Byrne), rostro público e glamouroso do movemento quen a día de hoxe sería unha auténtica influencer; Bella Abzug (Margo Martindale), célebre avogada en prol dos dereitos civís; Shirley Chisholm (Uzo Aduba), primeira muller negra electa no Congreso; Bettyu Friedan (Tracey Ullman), autora d’A Mística da Feminidade, ou Jill Ruckelshaus (Elizabeth Banks), asistente republicana da Casa Blanca, entre moitas outras.

O último capítulo trasládanos á vitoria de Ronald Reagan en 1981. As Karens gañan grazas á apertura dun novo período político conservador nos Estados Unidos. O proceso de aprobación ERA estáncase, non chegando nunca a finalizarse a falta da ratificación en tres Estados no período establecido -co procedemento reanudado nos últimos anos, a maioría de tres terzos acadada e o beneplácito do Congreso, é a administración Trump quen se nega a dar por válida a aprobación da emenda-.

Tras axudar a Reagan a ocupar a Oficina Oval da Casa Branca, Phyllis Schafly cre ter conseguido o alto cargo político que sempre soñou. E é aquí cando xorde a reflexión final da serie, sumamente transcendental: nun sistema patriarcal, as mulleres rematarán fracasando por moito que cooperen man con man con quen o dirixe. Na secuencia que pecha Mrs. America, observamos a Schafly pelando unha mazá -unha clarísima homenaxe ao filme Jeanne Dielman, 23 Quai du Commerce, 1080 Bruxelles-. Poética e reconfortante a partes iguais, observamos á hipócrita anti-heroína recibindo o que tan activamente reivindicou.

Mrs. America é, en última instancia, un exercicio de reconstrución histórica. Claramente estimulado pola nova eclosión do feminismo, pretende recompoñer con honesta veracidade o período onde este acadou máis relevancia política en Estados Unidos. Este carácter testemuñal resulta un aliciente por momentos, mais noutros peca de converterse nunha sucesión mecánica de feitos. De todas formas, ata as secuencias máis aburridas sempre serán salvadas polo brillante prantel de mulleres terremoto que remembran a historia.

Creadora: Dahvi Waller
Guión: Dahvi Waller
Fotografía: Chris Teague
Música: Kris Bowers
Ano: 2020
País: Estados Unidos
3.5