Nace o festival Sons da Canteira

Baiuca, Mercedes Peón ou Laura Lamontagne actuarán en Porriño nesta primeira edición

Sons da Canteira é un novo festival de música galega que se celebrará en Porriño o 29 de agosto na canteira en proceso de restauración de Vilafría. Arrinca a súa primeira edición cun cartaz de catro artistas galegos da música e da videocreación nunha contorna de grande valor, coa motivación da recuperación do territorio.

Actúan Baiuca, Mercedes Peón, Laura Lamontagne & PicoAmperio e, abrindo o concerto, DJ/VJ Juanma Lodo. Todos eles proxectos moi persoais que achegan dalgún xeito a tradición galega á vangarda e á electrónica. A muralla de pedra serve de singular escenario e sobre ela empregarase videomapping para que os grupos emitan as súas proxeccións.

O Sons da Canteira, organizado polo Concello de Porriño, establece estritos protocolos de seguridade para un aforo de 500 persoas. Ao realizar a compra escóllese cadeira ou mesa (até esgotar prazas). O público pode xantar mentres goza do espectáculo grazas a dúas food trucks. Os espectadores en mesa seleccionan menú con app móvil e reciben a consumición no sitio. Os de butaca piden na barra respectando a distancia de seguridade. O festival conta con persoal dedicado en exclusiva á limpeza e xestión de residuos.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.