O Festival de Cans vén de pechar a súa 17ª edición cun palmarés que recoñece a mellor produción galega de curtametraxes do ano. A pesar das singulares condicións nas que se desenvolveu o certame, este foi no que máis películas se estrearon: un total de 15. Competían a concurso 25 filmes e 15 videoclips.
Xoves de comadres foi a gran gañadora da noite. Tras triunfar no Festival de Málaga, a curta da realizadora viguesa Noemí Chantada fíxose cos catro premios principais: Mellor curtametraxe de ficción, Premio do xurado dos veciños a mellor curtametraxe en imaxe real e Premio do público a mellor curtametraxe de ficción.
A segunda galardonada da noite foi 16 de decembro, de Álvaro Gago, colleitando os recoñecementos do xurado á Mellor Dirección e á Mellor Fotografía -por parte de Lucía C. Pan-.
Nos apartados interpretativos, Bruna Cusí -gañadora do Goya a Mellor Actriz Revelación con Verano 1993– fíxose co premio a Mellor Actriz por Todo el mundo se parece de lejos de Rafa de los Arcos, e Denís Gomez como Mellor Actor polo seu traballo en Mentres iso pasa de Nacho Ozores.
O resto de premiados polo xurado da sección de Ficción e Animación complétana Mario G. Cortizo, pola Banda Sonora de Conte Trencat de Miguel Gago, e Mellor Curta de Animación para El Gran Corelli, de Abel Carvajal.
Na sección Furacáns, Notas sobre a habilitabilidade en A Barca, do Colectivo Semente, levouse o premio á Mellor Curtametraxe de Non Ficción. Neste apartado, a cinta Usos e Costumes de Iria Silvosa obtivo unha Mención de Honra.
Por outra banda, a sección Novas Camadas incorporouse este ano para celebrar os traballos de creadores e creadoras noveis. A gañadora foi Onde durmen as gaivotas de Dani Cornes, con Mención de Honra a Toda Aspereza de Pablo Aguilar.
Pecha o palmarés ao premio o Premio ao Mellor Videoclip, outorgado a Rubén Domínguez pola realización de As Crónicas de Os Amigos dos Músicos. Adrián Canoura recibiu unha mención especial polo vídeo musical de Fisterra de Baiuca.