‘Nomadland’ érguese triunfante nunha diversa edición dos Oscars

O filme de Chloé Zhao consegue os premios a Mellor Película, Mellor Dirección e Mellor Actriz

Quedounos unha 93ª edición dos Premios da Academia un tanto estraña. O ano cinematográfico, a nivel comercial, non semellaba ofertar un catálogo de filmes premiables ao nivel de calquera outro ano vivido en circunstancias normais. Porén a entrega dos Oscars, celebrada esta pasada madrugada, deixa un palmarés diverso: tanto en número de premiadas, coma nas persoas que recibiron a honra.

Nomadland érguese como a máxima galardonada, recibindo tres das cinco estatuíñas principais: Mellor Película, Mellor Dirección e Mellor Actriz Principal. Deste xeito, Chloé Zhao fai historia non só converténdose na segunda muller en ser recoñecida tanto en Mellor Película, coma en Mellor Dirección -logo de Kathryn Bigelow en 2009, por En terra hostil-, senón tamén por ser a primeira muller asiática premiada nestas categorías. Por outra banda, o galardón á interpretación de Frances McDormand supón xa o terceiro na súa carreira.

A Academia, intencionada ou accidentalmente, vén de facer un manifesto en favor da diversidade na industria cinematográfica estadounidense. O premio a Mellor Actriz de Reparto cae en mans de Youn Yuh-jung, muller coreana, por Minari; e o de Mellor Actor de Reparto, nas de Daniel Kaluuya, pola súa espectacular interpretación en Judas and the Black Messiah.

Mellor Actriz (Frances McDormand) e Mellor Actriz de Reparto (Youn Yuh-jung)

Tras o triunfo de Parasitos o pasado ano, a Academia semella estar virando cara uns recoñecementos máis inclusivos. Porén a gran sorpresa da gala chegou coa entrega da estatuíña a Mellor Actor: Anthony Hopkins lévase o premio, por segunda vez na súa carreira, con O Pai, cando todas as prediccións auguraban a honra póstuma de Chadwick Boseman por A nai do blues.

Por outra banda, os apartados á escritura fixeron arquear a cella a moitos, xa desde o anuncio das nomeacións. Desta vez, álzanse triunfantes Unha moza prometedora (Emerald Fennel) en Guión Orixinal, e O Pai (Christopher Hampton, Florian Zeller) en Guión Adaptado. Destacan nas categorías técnicas Sound of Metal -Mellor Montaxe e Mellor Son- e Mank -Mellor Fotografía e Mellor Deseño de Produción-.

Por último, cómpre destacar os recibimentos de Soul a Mellor Película de Animación e a Mellor Banda Sonora, o de Outra Rolda a Mellor Película de Fala Non Inglesa e o de My Octopus Teacher a Mellor Documental. A continuación, podedes botarlle un ollo á lista enteira de premiados!

  • Mellor Película: Nomadland
  • Mellor Dirección: Chloé Zhao, Nomadland
  • Mellor Actriz: Frances McDormand, Nomadland
  • Mellor Actor: Anthony Hopkins, O Pai
  • Mellor Actriz de Reparto: Yuh-Jung Youn, Minari
  • Mellor Actor de Reparto: Daniel Kaluuya, Judas and the Black Messiah
  • Mellor Guión Orixinal: Emerald Fennell, Unha moza prometedora
  • Mellor Guión Adaptado: Christopher Hampton e Florian Zeller, O Pai
  • Mellor Película de Animación: Soul
  • Mellor Deseño de Produción: Mank
  • Mellor Deseño de Vestiario: A Nai do Blues
  • Mellor Fotografía: Erik Messerschmidt, Mank
  • Mellor Montaxe: Sound of Metal
  • Mellor Maquillaxe e Perruquería: A Nai do Blues
  • Mellor Son: Sound of Metal
  • Mellores Efectos Visuais: Tenet
  • Mellor Banda Sonora: Trent Reznor, Atticus Ross e Jon Batiste, Soul
  • Mellor Canción: Fight for You, Judas and the Black Messiah
  • Mellor Documental: My Octopus Teacher
  • Mellor Película de Fala Non Inglesa: Outra Rolda
  • Mellor Curtametraxe de Animación: If Anything Happens, I Love You
  • Mellor Curtametraxe Documental: Colette
  • Mellor Curtametraxe de Ficción: Two Distant Strangers
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.