Novos Cinemas volverá poñer o foco nos creadores emerxentes

Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, presentou este domingo a súa cuarta edición, que se desenvolverá entre os próximos 10 e 15 de decembro na cidade. Jacobo Sutil​, director da AGADIC; Jorge Soto​, Vicerreitor do Campus de Pontevedra da UVigo; Victoria Alonso​, Deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra; Carme da Silva​, Concelleira de Animación Sociocultural e Festas do Concello de Pontevedra; e Ángel Santos, Daniel Froiz e Suso Novás​, da dirección de Novos Cinemas desvelaron os últimos detalles da programación do festival.

Tanto Sutil como Alonso fixeron fincapé no espectacular ano que o audiovisual galego viviu neste 2019 e na necesidade de apoio que as producións precisan por parte das institucións. Alén disto, o director da Agadic destacou tamén “a especial mirada do festival, centrada nos novos creadores e creadoras, centrada sempre no noso audiovisual a través de todo o programa”. Deste xeito, Arima, de Jaione Camborda abrirá esta edición do festival, que se pechará con Longa noite, de Eloy Enciso. Ademais poderemos ver as primeiras imaxes de Eles transportan a morte, o novo filme de Helena Girón e Samuel Delgado e as primeiras imaxes de montaxe de Ons, a última longametraxe de Alfonso Zarauza.

No tocante á programación desta cuarta edición do festival, e tal e como destacaron Ángel Santos e Suso Novás dende o equipo de dirección, esta será a primeira vez na que o cineasta Bas Devos sexa o protagonista dunha retrospectiva no noso país. O programa de proxeccións adicado a Devos repasará a súa obra completa e constará de tres filmes: Ghost Tropic, que poderá verse por primeira vez en España, e Hellhole Violet, estreas en Galicia.

Sección Oficial da cuarta edición de Novos Cinemas presenta un dos seus programas máis heteroxéneos. Nove primeiras ou segundas longametraxes, case na súa totalidade inéditas en Galicia, que permiten cartografar un singular mapa en torno ao cine contemporáneo máis creativo. Amosando un alto grao de auto consciencia, os cinco filmes que conforman a Sección Latexos -todos eles inéditos en Galicia-, promoven diálogos entre eles e cos espectadores que revelan que trama e fondo (e vida e cinema) ás veces fúndense nun todo case indisociable.

Dende o festival tamén se levan a cabo obradoiros e visitas formativos a centros durante todo o ano. Ademais, durante a celebración desta edición de Novos Cinemas, a organización anima aos máis pequenos e pequenas da casa a participar no festival a través dun divertido taller de creación de GIFs animados ou na xa tradicional proxección dominical para celebrar connosco o vinte aniversario dunha das películas de animación máis relevantes da última década do século pasado, O xigante de ferro.

Novos Cinemas voltará a ser punto de encontro entre o sector profesional a través da Mesa Desenvolvemento de Proxectos, onde se presentarán programas de desenvolvemento de longametraxes dirixidos a autores noveis, a Mesa Proxecta con representantes de tres festivais compartirán as súas experiencias sobre a implementación e desenvolvemento de programas educativos e actividades lúdicas destinadas ao público máis novo, o LAB, e a primeira presentación pública de CINEGALICIA 2019.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.