O Cineuropa bota a andar nunha gala deslucida polos problemas técnicos

A galardoada María Vázquez destacou o seu compromiso co país no seu discurso

edición número trinta e tres de Cineuropa botou a andar un ano máis no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O festival máis importante da cidade conta este ano por primeira vez cunha organización diferente por primeira vez en décadas, feito co que non se tivo problema en chancear durante a gala. La Tropa Produce, a empresa debutante, fixo unha gala correcta. O problema veu no momento de proxectar Ema, o filme de Pablo Larraín, que tras parala dous veces tívose que acabar suspendendo a sesión.

Antes de todo iso, a gala celebrouse con total normalidade. A actriz Iria Sobrado, a presentadora do acto, comezou cunha lembranza sobre o seu primeiro Cineuropa. Foi alá por 1998 e algúns dos presentes nin sequera naceran daquela. A continuación, comezou un lema que non remataría ata o final da gala: Cineuropa segue igual a pesar do cambio do dirección. Iso si, sen nomear directamente a José Luís Sosa en ningún momento.

Posteriormente, subiu o escenario dun Teatro Principal cheo ata a bandeira Laura Seoane, a nova directora do Cineuropa, para comentar as novidades que trae o festival este ano, que ten por subtítulo “cambio de perspectiva”. Seoane comezou explicando se tivo claro introducir o feminismo como un eixo central desta edición “dende o principio”, pero que se rexeitou facer unha sección de películas de mulleres porque “non vía lóxico pór un caixón de xastre para metelas, senón que estiveran aí polo seu propio mérito”. Do mesmo xeito referiuse ao cinema galego, do que destacou a inclusión de Arima na sección oficial e as preestreas de películas como Longa Noite ou Eroski Paraíso.

“VOLVÍN PARA PODER TRABALLAR NA MIÑA LINGUA”

Protagonismo feminino hai tamén nos premios do festival. A directora portuguesa Rita Azevedo e a actriz galega Emma Suárez serán galardoadas. O máximo recoñecemento nesta edición é para a actriz María Vázquez. No seu discurso destacou que para ela “Cineuropa é un referente en materia de cine” e que ela “practicamente medrou xunto ao festival”.

Respecto á súa volta a Galicia tras traballar durante anos noutros lugares do Estado español foi clara: “Eu decidín volver por convicción absoluta. Para poder traballar dende a miña terra e na miña lingua”. O premio dedicoullo a súa familia, aos seus amigos e especialmente ao actor Xosé Barato. Tamén se lembrou do colectivo de actrices: “Sempre din que nos levamos mal entre nós, pero eu agradézovos que me apoiarades sempre porque xuntas somos mellores”. O galardón foi entregado polo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Bugallo, que admitiu temer pola celebración deste Cineuropa, pero que se alegra de que non fora así “porque os grandes proxectos deben ter continuidade a pesar dos cambios”.

UN “PROBLEMA NO SERVIDOR”

Tras isto, proxectouse a curta de Santos González Os Prexuízos do Auga. Nos créditos puideron verse grandes nomes do cinema galego como Ángel Santos, Lucía C. Pan ou os propios Xosé Barato e María Vázquez. A modo de comedia case se podería dicir ascética tentouse facer unha aproximación as relacións entre homes e mulleres con auga de por medio.

Posteriormente era a quenda de Ema, o filme do chileno Pablo Larraín, unha das películas máis agardadas de todo o Cineuropa. Lamentablemente houbo problemas técnicos e tívose que suspender a función. Tras dous intentos de proxectala no que o máximo que aguantou foron dez minutos, decidiuse tomar a decisión que ninguén quería tomar. O público foise a súa casa sen vela por “problemas no servidor”. Un comezo de Cineuropa que seguramente ninguén agardaba.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.