‘O colapso’: Se o mundo terminase

Non hai gasolina. Tampouco medicamentos. Os supermercados non teñen produtos suficientes para abastecer á poboación. Todo remata, en cuestión de días, semanas, se cadra. Non hai respostas, ninguén as ten. Con este escenario, preséntase a produción gala O colapso, renunciando a calquera tipo de aclaración sobre como se chegou a ese punto. Tan só un par de detalles apuntan a unha gran crise económica mundial e ao cambio climático.

O colapso estrutúrase en oito episodios de apenas 20 minutos, rodados, todos eles, nun plano secuencia. Tras este fenómeno que, de forma moi realista, retrata a reacción do ser humano ante a desaparición da sociedade tal e como a coñece, hai tres nomes: Jérémy Bernard, Guillaume Desiardins e Bastien Ughetto. Eles asinan como Les Parasites, un grupo de xóvenes cineastas que utilizan Youtube como plataforma habitual de exhibición dos seus contidos.

Resulta, en moitas ocasións, arrepiante o acerto co que foron escollidos os escenarios da acción. Antes de que chegase a pandemia do coronavirus e deixásemos sen papel hixiénico os estantes dos supermercados, Les Parasites xa estreará o seu primeiro capítulo en Francia –en novembro de 2019– coma se se tratase dunha especie de premonición. Unha carreira de fondo pola supervivencia na que cada capítulo é un pouco máis amargo, destacando o cuarto, ambientado nunha residencia de anciáns que xa non se pode soster por si mesma.

A serie non ten un protagonista concreto, tampouco un espazo: mostra as consecuencia do colapso, día tras día, en lugares distintos. A necesidade de obter provisión, o querer fuxir sen saber onde, as diferencias de clase. As personaxes da serie non viven, son a viva imaxe do instinto de supervivencia elevado ao máximo expoñente, lonxe queda o mínimo indicio de solidariedade. Unha reformulación constante sobre cales son as prioridades, pois se sabe que vai fracasar, quen vai sobrevivir ou quen vai rematar recibindo as nosas simpatías.

É probable que o obxectivo da serie sexa só un: xerar debate. Non se trata de sinalar culpables nin de xulgar actitudes, non hai bos nin malos. Os planos sen cortes proporcionan dinamismo ás historias, unha sensación de naturalidade na que os intérpretes teñen moito que ver. O colapso imaxina un futuro non moi afastado que, a diferenza doutras series de temática similar, fuxe dun mundo hipertecnoloxizado. O colapso podería ser mañá, mesmo hoxe. E, quizais, a chave da serie estea nesta oración do último episodio: “Temos que saír si ou si do sistema que coñecemos. E ten que ser hoxe, non mañá”.

Dirección: Jérémy Bernard, Guillaume Desjardins, Bastien Ughetto
Guión: Jérémy Bernard, Guillaume Desjardins, Bastien Ughetto
Música: Edouard Joguet
Ano: 2019
País: Francia
5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.