O Curtocircuíto abre as súas portas parabenizando os esforzos do sector cultural

O Curtocircuíto deu onte o bocinazo de saída na Sala Capitol co seu acto de inauguración, A este acudiron o director do festival, Pela del Álamo; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o deputado de Cultura da Coruña, Xurxo Couto, e o director da AGADIC, Jacobo Sutil. O evento foi acompañado da proxección da proposta audiovisual SYNSPECIES, da man do compositor e artista sonoro Elías Merino.

Na súa 17ª edición, que se alongará ata o vindeiro domingo, 11 de outubro, proxectaranse máis de 80 películas, 35 das mesmas a concurso. O festival compostelán programa un ano máis unha selecta proposta de contidos que amosan as últimas tendencias cinematográficas e das artes visuais. A contemporaneidade, o risco e a exploración formal serán novamente as premisas que guiarán ao festival.

O director do Curtocircuíto, Pela del Álamo, inaugurou o festival agradecendo ao Concello de Santiago a reprogramación de todas as iniciativas culturais da cidade nun contexto de crise sanitaria, dando así “un pouco de vida a un sector que está sufrindo”. Salientou tamén ao equipo do Auditorio de Galicia, das salas de concertos e do resto de recintos por conseguir sacar adiante a un evento “sometido a tantas restriccións”.

O alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, declarou a intención do conxunto das administracións públicas por manter toda a programación cultural, transmitindo ánimo a todo o sector: “É un tempo difícil que temos que aproveitar para facer cousas novas e incorporar novas tecnoloxías”. Por último o edil, sinalou como o “Curtocircuíto naceu como irmán pequeno de Cineuropa”, mais conseguiu medrar durante 17 edicións ata facerse un nome grande.

Ao longo da inauguración, foi clara a intención de retransmitir a mensaxe de que os eventos culturais son espazos seguros. En palabras do deputado de Cultura da Provincia da Coruña, Xurxo Couto, “a cultura e o cinema teñen que combater o virus”, pois “a cultura non contaxia”. Pola súa banda, Jacobo Sutil, director da AGADIC, salientou o éxito das nosas estruturas culturais á hora de “poñerse a proba e ser capaces de reinventarse”.

Proxección de SYNSPECIES, de Elías Merino

Tras os relatorios do director do festival e das administracións, deuse paso á proxección da proposta audiovisual e musical SYNSPECIES. O proxecto, creado por Elías Merino e Tadej Droljc -este último non puido asistir ao evento- está inspirado en ecoloxías virtuais e espazos morfolóxicos inestables que emerxen dunha interacción devastadora de entidades audiovisuais coexistentes co baleiro. En palabras de Pela del Álamo, a proposta encaixa á perfección “coa idea de romper a bidireccionalidade do cine” que sostén o Curtocircuíto, así como a de “converter as artes audiovisuais nunha arte viva.”

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.