O Curtocircuíto despide a súa edición menos convencional

'Sun dog', 'Look then below', 'Vestixios' e 'O sangue é branco' fanse cos premios concedidos polo xurado oficial

O Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine vén de pechar a súa 17ª edición. O acto de clausura, presentado por Lucía Aldao, celebrouse nun Teatro Principal a medio encher por mor das medidas sanitarias; mais outro cento e medio de espectadores seguiron a entrega de premio en streaming desde as súas casas. Os catro xurados das seccións oficiais, Radar, Explora, Paneta GZ e Penínsulas, outorgaron os máximos galardóns aos filmes Sun dog, Look then below, Vestixios e O sangue é branco, respectivamente.

Lucía Aldao abriu o acto congratulando a un certame que “leva desde 2003 poñendo unha chincheta de ouro enriba de Santiago de Compostela”. O director do Curtocircuíto, Pela del Álamo, insisitiu na execución exitosa do festival pese á incerteza que leva asoballando a toda a sociedade en xeral, e ao sector cultural en particular, estes últimos meses. Del Álamo destacou o xurdimento “fronte á adversidade” dun bo pulso de novedades.

En primeiro lugar, a creación da Federación Pantalla, unha asociación estatal que aglutina 155 festivais de cine nun sector que antes se atopaba “completamente atomizado”. Tamén salientou as residencias artísticas Curtocircuíto, así como o desenvolvemento de todas as actividades en liña, “que viñeron para quedarse” e a grande acollida do festival vía Filmin, onde chegou a preto dos dez mil espectadores.

Este é o palmarés da 17ª edición do Curtocircuíto 2020.

  • Premio Radar: Sun Dog, de Dorian Jespers.
  • Mención especial Radar: Dustin, de Naïla Guiguet.
  • Premio Explora: Look Then Below, de Ben Rivers.
  • Premio Galiza: Vestixios (un arquipélago), de Enar de Dios.
  • Mención especial Galiza: Branco e Fucsia, de Marta Valverde.
  • Premio Penínsulas: O sangue é branco, de Óscar Vicentelli.
  • Mención especial Penínsulas: Os Páramos, de Jaime Puertas.
  • Premio do Público: Dustin, de Naïla Guiguet.
  • Premio Xurado Novo: Pyrale, de Roxanne Gaucherand.
  • Mención especial Xurado Novo: Sun Dog, de Dorian Jespers.
  • Premio CREA á Mellor dirección galega: Vestixios (un arquipélago), de Enar de Dios.
  • Premio AGAG ao Mellor guión galego: Todo o mundo se asemella desde lonxe, de Rafa de los Arcos.
  • Mención especial AGAG: Onde dormen as gaivotas, de Dani Cornes.
  • Premio Outra Compostela: De sangue e cristais, de Lucía Ramiro, Bruno Arias, Miguel González, Beatriz Fernández e Miguel García.
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.