O Disco Vermello de Ataque Escampe: O mundo leva ardendo tempo de máis

Os problemas crecen, os ovarios doen e o mundo arde. Non custa estar de acordo con estas tres afirmacións pero custa aínda menos facerse a seguinte pregunta: ata cando vai seguir isto sendo así?

Unha reflexión semellante deberon facer as Ataque Escampe alá polo 2014, tal e como se pode comprobar no seu O Disco Vermello, álbum conceptual que supón un dos exercicios máis ambiciosos dos que se recordan dentro da música na nosa lingua.

Por desgraza, aquí seguimos, en pleno 2019, cos violentos anos dez nos que o álbum foi editado a piques de chegar á súa fin, sen expectativas de coñecer pronto a resposta e coa certeza de que aínda é moi cedo para que os problemas deixen de medrar, os ovarios de doer e, sobre todo, o mundo de arder. Como vemos, o vixente que segue estando este álbum a día de hoxe sería xa un motivo máis que suficiente para propornos a ardua tarefa de revisionalo, pero existe outro aínda mellor: as Ataque Escampe anunciaron o seu retorno cun EP titulado A Alma publicado hoxe mesmo, marcando o regreso de Álex Charlón á voz principal, tras a súa saída da banda no 2015. É por isto que nos resultou imposible resistir a tentación de volvernos mergullar neste traballo e, xa de paso, ir abrindo boca para o seguinte.

O que máis sorprende do disco é a capacidade inesgotable que a banda ten para despregar un universo poético cada vez máis elaborado e para sofisticar por completo a súa instrumentación, sen nada que envexar a bandas estranxeiras. Isto queda patente dende os primeiros compases do álbum, no gran tema que supón Os problemas crecen, de corte funk nun inicio (mención especial á liña de baixo), que remata acadando unhas cotas de epicidade capaces evocar aos mesmísimos Dire Straits. Tan poderosa é a música desta peza como a súa letra, na cal, baixo numerosas capas de sci-fi, se poden atopar lecturas políticas, ecoloxistas e mesmo, dese xeito que tanto caracteriza ás Ataque, referencias á nosa Rosalía (mágoa que agora teñamos que matizar ese ‘nosa’).

O disco continúa abrindo novos camiños para a banda con Horas Extra, un tema no cal se chega mesmo a cantar en chinés (!!!) e se exploran harmonías orientais, dando lugar ao himno á derrota máis exótico da súa discografía. Con Música Industrial baixamos un chisco o ritmo, atopándonos cun tema máis clásico, con máis semellanzas a anteriores traballos da banda e no cal podemos asistir ao comezo do relevo na voz principal que se remataría instaurando no Primeiros Bicos (2017), álbum no cal Roi Vidal pasou a adoptar por completo o papel Álex Charlón.

A atmosfera tórnase densa dende o comezo de 2006, un dos mellores temas do álbum, no cal asistimos a unha singular comunión entre reverbs sombríos, guitarras muteadas, fragmentos recitados e paisaxes sonoras máis próximas ao western que ao rock alternativo dominante ata ao momento.

Con San Marino entramos de cheo nun territorio onírico con moito que ofrecer. Desafortunadamente, resulta inevitable pensar que a banda non é quen de deixar respirar esta peza o suficiente, rompendo a maxia demasiado pronto, cunha segunda estrofa un tanto inconsistente que a converte nunha ocasión perdida dentro dun disco practicamente inmaculado. Street Fighter, pola súa banda, recupera camiños soul tan percorridos pola banda en traballos pasados (pero e o ben quen lle senta a Charlón?!), aderezados con moito gusto por sintetizadores case de videoxogo.

O último terzo do disco dá comezo con Salvarei o Mundo, un dos temas máis pegadizos do conxunto (en gran parte grazas aos seus sintetizadores) e con maior pouso dramático, contando a historia dunha relación nacida entre aulas de FP, tendas de cómics e salas underground. Continúa con Orde e Progreso e xa non hai volta atrás: queda totalmente demostrado que as Ataque Escampe poden tocar tantos paus como queiran, que o farán ben. Este tema brilla pola súa elegancia dende un inicio pragado de percusións e voces soul portuguesas, sobre as cales o mellor Roi Vidal que atoparemos no álbum rapea sobre como raios pode ser posible gañar ao perder, recordándonos a bandas tan experimentais como León Benavente.

A fin achégase, pero aínda quedan balas na recámara. Arder (tema co cal Ataque Escampe representou a lingua galega no festival Suns Europe das artes en linguas minorizadas este novembro) chega para quedarse nas nosas mentes. E é que non mentimos cando afirmamos estar perante un dos maiores (e mellores) himnos da banda, un tema pop rock dos de toda a vida, tan fermoso como honesto, capaz de medrar e medrar no teu interior ata ao infinito, grazas a unha letra e unha melodía que en mans doutra formación, tal vez cantando en castelán (e xa non digamos en inglés), podería chegar a conseguirlle máis dunha alegría.

Invitámosvos a reflexionar sobre a valentía dunha banda coma a que nos ocupa, capaz de compoñer marabillas coma esta e que segue apostando por facelo na súa lingua, a pesar do evidente que resulta que deste xeito o respaldo do público (e xa non digamos dos políticos) vai ser substancialmente menor. Non podemos senón alegrarnos por vivir no mesmo mundo ca elas, longa vida ás Ataque!

Comeza a ser visible xa, a través do noso telescopio made in Taiwán, a última peza do disco, Estaña Forma de Vida, que chega para mellorar aínda máis (por imposible que pareza a estas alturas) o concepto do álbum. Como nunha boa película de Nolan, todo estivo pensado dende o principio, listo para voarche a mente. Así sucede no Disco Vermello, concepto que cobra sentido unha vez que esta última canción se revela como unha sorte de desenlace da primeira (ese “corrinche detrás” quizais vos dea algunha pista). Algún impulso eléctrico saltará entón no noso cerebro e todo cobrará o sentido que sempre debeu ter: ela volveu por el.

Deste xeito tan circular remata todo, deixando un regusto  deliciosamente agridoce capaz de facernos volver pulsar o play inmediatamente. O mundo leva ardendo tempo de máis e, chegados a este punto, semella que non deixará de facelo nunca. Sería esa a resposta que as Ataque atoparon no seu día? Quen sabe. O que si sabemos é que nun mundo no que elas estean só nos queda, como fixo Nerón, cantar.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.