O Fa Ce La Fest decidiu aprazar a celebración da súa V edición, prevista inicialmente para mediados de maio, e trasladala á última semana de agosto (entre o 27 e o 29 dese mes) por mor da evolución do COVID-19.
A organización afirmou que o festival volverá cun 80% do cartaz que estaba planeado para maio, e que seguirán traballando para que se modifique o menos posible.
Para quen non poida asistir para as novas datas, a devolución do importe das entradas estará dispoñible en canto a organización do festival peche a totalidade do cartaz.
O festival xa tivo que cancelar o pasado 28 de marzo o seu concerto de presentación en Santiago de Compostela, con Apartamentos Acapulco, Fábrica de Espejos, Silvia Substance e a presentación do libro Unha historia da música en Galicia, 1952-2018. “Apartamentos Acapulco estarán o antes posible nun evento Fa Ce La”, asegurou a organización.
Ademais, Fa Ce La amosou a súa predisposición a seguir apoiando a música en directo, en concreto a das súas bandas habituais. Neste caso producindo xunto coa discográfica Ferror Records o novo disco de Fábrica de Espejos. “Mundo incierto” será o primeiro álbum de longa duración dos de Chantada, que verá a luz este verán.