O Fanzine Fest pecha a súa quinta edición tras superar o seu récord de asistencia

Un total de 1.200 persoas asistiron ás diferentes actividades do festival

A quinta edición do festival de música electrónica de vangarda Fanzine Fest pechou a edición con maior público da súa traxectoria. O proxecto, impulsado por Fanzine Project (Roi Grobas e Pablo Cubeiro), sumou este 2019 un total de 1.200 asistentes entre as diferentes sesións musicais e actividades paralelas da súa programación expandida que se celebraron na cidade da Coruña do 5 ao 7 de decembro.

Ao longo das tres xornadas que durou, o Fanzine Fest propuxo un cartel musical con figuras relevantes da escena estatal e internacional da música electrónica de vangarda acompañados de creadores locais ou galegos. Polos Museos Científicos Coruñeses (Domus e Planetario), Fundación Luís Seoane, Teatro Colón ou a Sala Ou Túnel do Coliseum pasaron artistas como The Horrorist, Levon Vincent, Alienata, Galaxian, Dorian Concept, Oswld, Death Whistle ou Kyoka e Eomac, que estrearon na Coruña o seu novo proxecto Lena Andersson.

Esta experiencia sonora tivo a súa eclosión final na noite do sábado 7, cunha maratoniana sesión no Túnel na que música e artes visuais déronse a man coa colaboración dos VJ Sergi Palau e Caskbel.

OBRADOIROS

Toda esta programación musical estivo acompañada de actividades formativas e divulgativas vinculadas ao universo da música electrónica co fin de visibilizar a escena local e cultura underground, fomentar o coñecemento da electrónica entre público e favorecer, desde un punto de vista didáctico, a creación de novos públicos de todas as idades. Así, todos os workshops para público infantil e obradoiros para adultos celebrados na Fundación Luís Seoane e a Sala Maker da Domus esgotaron as súas prazas.

“Estamos moi contentos co éxito desta edición, na que tanto artistas como público puideron gozar dunha fin de semana vibrante na nosa cidade, A Coruña”, sinala Pablo Cubeiro, quen asegura que o equipo xa está a traballar na edición de 2020. “Sen dúbida a resposta foi magnífica e seguiremos traballando para consolidar o festival no noroeste peninsular e ofrecer ao público o máis selecto e singular da escena electrónica de vangarda”, engade.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.