O FIV de Vilalba celebrarase entre o 17 e o 19 de setembro

O FIV de Vilalba está de volta. Celebrará este 2021 a súa 14ª edición, os días 17, 18 e 19 do próximo mes de setembro. Unha oferta musical que naceu anos atrás ao amparo das Festas Patronais de Vilalba e que, tras máis dunha década de historia, foi adaptándose aos tempos ata converterse nunha parada destacada do calendario festivaleiro galego. Agora, tralo parón provocado polas circunstancias sanitarias, o FIV de Vilalba está, por fin, de volta con bandas como Novedades Carminha, Ortiga, Xoel López ou Zahara.

Serán tres días consecutivos de música e actividades, nos que os diferentes artistas actuarán simultaneamente nos escenarios situados na Praza da Constitución e no Campo da Feira de Vilalba, espazos amplos que permiten a adaptación aos tempos e aos protocolos vixentes, xa que para a organización é prioritaria a seguridade do evento.

O festival é tamén un dinamizador cultural do territorio. Polos seus diferentes escenarios pasaron recoñecidos artistas de primeira liña do panorama actual, e nesta edición manterase o aceno de identidade de perfil de bandas nacionais de corte indie / pop / rock, con algúns artistas xa habituais do festival.

Xoel López, Zahara, Novedades Carminha, La Bien Querida, Melenas, Ortiga, dani, Momboi, Petit Pop, Magical Colours, beGun dj set e Rapariga Dj, son as confirmacións do cartel do festival. O FIV Vilalba contará ademais cun espazo para artistas emerxentes. Ademais, nesta edición nace FIV KIDS, un espazo para os pequenos e pequenas da casa, no que gozarán de actividades adaptadas.

O FIV, xunto ao Concello de Vilalba, dará nesta edición continuidade á programación paralela do festival, aproveitando distintos espazos da localidade, dinamizando e ampliando a actividade na vila e que a organización detallará no futuro.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.