O ICAA convoca as primeiras axudas ás salas de cine da historia

O responsable das salas Numax e Dúplex, Ramiro Ledo, sinala a crecente disposición cos cinemas que traballan cunha cota de pantalla alternativa, así como a asunción dos mesmos como un lugar seguro

O Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) vén de convocar axudas ás salas de exhibición cinematográfica para frear a COVID-19. A dotación, de máis de 13 millóns de euros e de concesión directa, irá dirixida a sufragar as medidas sanitarias adoptadas polos cinemas para frear a COVID-19, así como as destinadas a facer visible a reapertura dos mesmos.

Esta nova supón un fito histórico para a distribución cinematográfica dentro do Estado, xa que, por vez primeira, se convocan axudas para as salas a nivel institucional. Segundo o responsable do cinema Numax (Compostela) e Dúplex Cinema (Ferrol), Ramiro Ledo, cómpre “valorar a disposición que parece que comeza a haber coas salas que traballan cunha cota de pantalla alternativa“.

Aínda que, segundo apunta Ledo, estas axudas non poderán compensar todas as perdas que están afrontar os cinemas, si van acompañadas dunha tendencia invertida nas últimas semanas: pouco a pouco, a cidadanía vai asumindo que as salas son un lugar seguro. Ledo resalta a recente estrea da produción galega Reboiras. Acción e Corazón: “En Dúplex esgotáronse onte dúas sesións, e en Numax estréase o filme esta tarde e están esgotadas as catro sesións seguintes”.

Xunto ás axudas destinadas a sufragar os gastos a xustificar as medidas obrigatorias para a prevención da COVID-19, a convocatoria sinala tamén unha parte de apoio ás iniciativas de educación audiovisual e de traballo con públicos escolares, as cales promoven tanto Numax como Dúplex. De cara á reapertura en setembro, isto permitirá “poder compensar o investimento extra que tiveron que facer as salas de cinema independentes”, afirma Ledo.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.