Esta madrugada vense de celebrar a edición número 77 dos Globos de Ouro, un dos premios máis soados e importantes do audiovisual estadounidense e que, tamén, conta con presencia de moitos outros produtos audiovisuais doutros países que loitan por galardóns. Tamén, dalgún modo, serve como un dos referentes a buscar á hora de intentar saber que pasará nos Oscars, que se celebrarán o vindeiro 10 de febreiro.
Como xa foi tradición en todos os anos 2010, a excepción daquel 2017 onde La La Land se levou os sete premios aos que optaba, os premios nesta nova edición estiveron moi repartidos, destacando as eleccións de 1917, de Sam Mendes, e Érase unha vez en Hollywood, de Quentin Tarantino, como gañadoras dos premios a mellor película dramática e mellor película cómica, respectivamente. O premio a mellor director foi para o director da película dramática, Sam Mendes, quen consegue o seu segundo galardón trala súa ópera prima, American Beauty.
Non deu lugar a sorpresas o premio a mellor actor principal nun drama, que recaeu en Joaquin Phoenix polo seu papel no Joker, de Todd Phillips. Pola súa interpretación de Judy Garland en Judy, Renée Zellweger levouse o premio a mellor actriz de drama. Sorprendeu Awkwafina, que se levou o premio a mellor actriz de comedia polo seu papel en The Farewell, e Taron Egerton foi escollido mellor actor pola súa interpretación de Elton John, xa de maneira menos sorprendente.
No apartado de mellor película de fala non inglesa, Parásitos, de Bong Joon-ho, e unha das nosas favoritas do ano pasado, levouse o premio. O director aproveitou o seu discurso para incitar á xente a non terlle medo ás películas subtituladas.
Missing Link, de Laika Entertainment, deu tamén certa sorpresa no apartado de animación. Toy Story 4 e Frozen II, máis favoritas debido aos xigantes que teñen detrás, viron como Missing Link conseguía que por segundo ano consecutivo o premio típico de Disney non recaera na xigante produtora. DreamWorks, quen loitaba polo premio coa terceira entrega de Como entrear ao teu dragón, tamén quedou sen o premio.
Sucession, de Jesse Armstrong, e que ven de rematar fai pouco a súa segunda tempada, levouse o premio a mellor serie de drama e o seu protagonista, Brian Cox, o de mellor actor. Algo similar pasou nos premios das series cómicas, onde Fleabag e Phoebe Walter-Bridge, a súa protagonista, leváronse os premios de mellor serie e mellor actriz principal. Chernobyl foi escollida como mellor mini-serie.
O Irlandés, a película de Martin Scorsese para Netflix e a nosa favorita de 2019, estaba nomeada a cinco premios: mellor película dramática, mellor director, mellor guión, e unha dobre nomeación a mellor actor de reparto polas actuacións de Al Pacino e Joe Pesci. Non gañou ningunha. De todas as producións de Netflix nomeadas, que eran esta, Os dous papas, Eu son Dolemite, e Historia dun matrimonio, soamente esta última conseguiu un galardón, o de Laura Dern a mellor actriz de reparto. No apartado da pequena pantalla, a produtora soamente conseguiu levarse un galardón para The Crown.
A continuación, a lista completa de premiados:
Mellor película – Drama: 1917
Mellor película – Comedia ou musical: Érase unha vez en Hollywood
Mellor director: Sam Mendes
Mellor actor principal – Drama: Joaquin Phoenix
Mellor actriz principal – Drama: Renée Zellweger
Mellor actor principal – Comedia ou musical: Taron Egerton
Mellor actriz principal – Comedia ou musical: Awkwafina
Mellor actor de reparto: Brad Pitt
Mellor actriz de reparto: Laura Dern
Mellor guión: Quentin Tarantino
Mellor banda sonora orixinal: Hildur Guðnadóttir
Mellor canción orixinal: I’m Gonna Love Me Again
Mellor película de fala non-inglesa: Parasitos
Mellor filme de animación: Mr. Link. A orixe perdida
Mellor serie de TV – Drama: Sucession
Mellor serie de TV – Comedia ou musical: Fleabag
Mellor actor principal nunha serie de TV – Drama: Brian Cox
Mellor actriz principal nunha serie de TV – Drama: Olivia Colman
Mellor actor principal nunha serie de TV – Comedia o musical: Ramy Youssef
Mellor actriz principal nunha serie de TV – Comedia o musical: Phoebe Waller-Bridge
Mellor mini-serie ou película para TV: Chernobyl
Mellor actor nunha mini-serie ou película para TV: Russell Crowe
Mellor actriz nunha mini-serie ou película para TV : Michelle Williams
Mellor actor secundario nunha serie, mini-serie ou película para TV: Stellan Skarsgard
Mellor actriz secundaria nunha serie, mini-serie ou película para TV: Patricia Arquette