O jazz galego desembarca en Portugal

O jazz galego desembarcará a próxima fin de semana na localidade portuguesa de Braga. SUMRRÁ e a Orquesta Galega de Liberación ofrecerán directos na cidade do norte de Portugal. Estas son dúas propostas únicas dentro do ecosistema musical galego.

Domingo 18 de xullo no Teatro Circo de Braga, SUMRRÁ presentará “7 visións”. Un disco no que reflexionan sobre a realidade na que vivimos e no que buscan explicar de onde vimos, onde estamos e cara onde imos.

O pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido, dan a luz un novo traballo discográfico que supón a consolidación dunha forma de entender a música ao vivo única. Neste último álbum, SUMRRÁ fai o exercicio de resignificar a través da súa creación artística, a nosa propia existencia.

Un día antes, o  sábado 17 de Xullo, a Orquestra Galega de Liberación actuará no no Espaço Vita no que será o seu primeiro concerto internacional. A Orquestra Galega de Liberación é unha proposta en clave de jazz e música de vangarda na que interveñen dezasete músicos de toda a xeografía galega. O seu primeiro álbum, auteditado e lanzado neste 2021, toma o nome da propia agrupación Orquestra Galega de Liberación, e é o resultado do seu concerto debut.

Nas suas filas contan habitualmente con algúns nomes coñecidos no panorama nacional provenientes de diversas disciplinas como o jazz, a música contemporánea e as artes escénicas, todo conducido a través do soundpainting, unha técnica de improvisación dirixida que busca a creación espontánea e a experimentación sonora e interpretativa.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.