O Noia Harp Fest celebrarase entre o 4 e o 6 de agosto

A vila de Noia volverá acoller este verán a única cita arpística do noroeste ibérico. A oitava edición do certame internacional Noia Harp Fest celebrarase do 4 ao 6 de agosto. O director da cita musical, Rodrigo Romaní, e o edil de cultura de Noia, José Pérez Martínez, presentaron a programación, que reunirá artistas de Galicia, Italia, Bretaña, Lituania, Francia, Paraguay, Euskadi, Cataluña e Andalucía na localidade coruñesa.


O Noia Harp Fest inclúe concertos gratuítos para o público, ao aire libre, de intérpretes destacados deste instrumento. Como resultado, o certame acolle a través da súa programación unha pluralidade estilística moi variada, o que dá pé a que o público poida gozar “dunha proposta exquisita na que tamén se descobren rarezas de calidade”, tal e como apunta Rodrigo Romaní. Estilos como a música clásica, as creacións populares europeas e latinoamericanas, a vangarda contemporánea, o folk ou, por primeira vez, o flamenco, formarán parte do festival.


Así, a arpa constitúe o eixo vertebrador dun festival cuxo cartel inclúe arpistas e intérpretes de sona, como a italiana Marianne Gubri, o bretón Tristan le Govic -en formato trío-, a andaluza Ana Crisman ou mesmo agrupacións como a vasca Basabi, formación con interese na difusión da txalaparta e da que forma parte a coñecida arpista Alicia Griffith; ou o tándem conformado polos arpistas Davide Burani e José Antonio Domene.

Outro dúo, Formiga e Cigale, desta quenda francés e catalán, explora a música folk a través da arpa celta e do violín; mentres que o trío Ysando fusiona a tradición musical paraguaia e latinoamericana con composicións propias. Con todo, nesta edición do Noia Harp Fest tamén estarán presentes, como é habitual, os músicos galegos. É o caso de Pedro Lamas. O creador e compositor acompañará a Aiste Bruzaite nun concerto de kanklès, un singular instrumento de corda popular lituano moi popular neste país e na súa contorna.

Os concertos do Noia Harp Fest son de acceso gratuíto, pero cómpre facer unha reserva previa para poder asistir
. En atención á normativa sanitaria vixente de prevención da covid-19, e coa intención poder garantir a súa entrada para cada concerto, as persoas interesadas en asistir a algunha das citas do certame, deberán remitir, con antelación, un correo electrónico á dirección programacionconcellodenoia@gmail.com, indicando o seu nome e apelido, DNI, teléfono de contacto, concerto ao que quere ir -indicando o día ou días que quere asistir, así como a hora ou horas das actuacións- e número de persoas que asistirán  a cada actuación. No caso dos concertos de tarde, será un máximo de 2 persoas, mentres que os nocturnos será posible reservar ata 4 prazas.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.