O NOS Primavera Sound Porto anuncia o cartel completo para 2021

Conservando a maior parte do line-up de 2020, confírmanse a Tame Impala, Gorillaz, Helado Negro ou 100 gecs, mentres que caen Lana Del Rey ou Weyes Blood

As edicións de 2020 do Primavera Sound, tanto a de Barcelona como a de Porto, estaban datadas para estes días. Porén a crise da COVID-19 impediu que dous dos festivais máis reputados de Europa -igual que o resto de festivais do mundo- tivesen lugar. Tras un intento errado de aprazar ambas edicións de 2020 a finais de verán, a organización decidiu cancelalas e conservar a súa esencia para o vindeiro ano.

A pasada semana coñeciamos o estelar cartel do PS Barcelona -que xa esgotou entradas- e esta mañá vense de anunciar o cartel do NOS Primavera Sound Porto, que se celebrará do 10 ao 12 de xuño de 2021. A organización publicítao como o mellor line-up da súa historia. Mais o que si está claro é que é un cartel estupendo. Os abonos sairán á venda o xoves, 18 de xuño, ás 12h.

Como prometeu o Primavera Sound, consérvase a maior parte do cartel de 2020. Das 64 bandas e artistas que o conformaban inicialmente, só se caen oito, entre os que cabe destacar a Lana Del Rey, Weyes Blood, 박혜진 Park Hye Jin, Maggie Rogers e Sampa the Great. No seu lugar, entran outros oito de non menos calibre; entre eles, Tame Impala, Gorillaz, 100 gecs, Doja Cat e Helado Negro.

Dos oito concertos que anticipabamos como imprescindibles no NOS Primavera en febreiro, soamente perderemos a oportunidade de ver a Weyes Blood. Polo tanto, poderemos desfrutar igualmente da reunión de Pavement, así como de varios dos artistas que máis deron de que falar en 2019: FKA twigs, Tyler, The Creator, Little Simz, black midi ou Derby Motoreta’s Burrito Kachimba.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.