O pleno do Día das Letras Galegas posponse ao 31 de outubro

Por mor da crise sanitaria, a Real Academia Galega acorda trasladar os actos presenciais dedicados a Carvalho Calero á véspera do Día de Defuntos

A decisión de pospoñer o Día das Letras Galegas é unha medida inédita nos seus 57 anos de historia. A Real Academia Galega vén de acordar o traslado ante a situación provocada pola pandemia da COVID-19. Deste xeito, o Día das Letras celebrarase o 31 de outubro, véspera do Día de Defuntos, en lugar do histórico 17 de maio. Co troque de data, a celebración acontecerá xusto un día despois do 110 aniversario do nacemento do homenaxeado, Ricardo Carvalho Calero.

A sesión central do evento das Letras Galegas mantense no teatro Jofre de Ferrol. Os demais actos presenciais que a Real Academia Galega tiña previsto celebrar nas vésperas e nas datas posteriores ao Día das Letras Galegas terán lugar á volta de verán. A institución vén de tomar esta decisión ante a crecente evidencia de que a mediados do mes de maio non será recomendable, nin quizais posible, celebrar actos públicos concorridos.

Malia os cambios no calendario de actividades presenciais, a institución quere que o 17 de maio sexa igualmente “unha gran celebración colectiva”, facendo chamamento a todo o pobo galego para que así sexa, “valéndose das posibilidades do mundo dixital”.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.