O poemario ‘E se a memoria está na boca’ de Ángel Suanzes, xa en librarías

O libro mestura os versos do autor coas fotografías de Clara Honorato

E se a memoria está na boca xa está dispoñible nas librarías galegas, así como na páxina web da editora Urubau. Supón o primeiro poemario do xornalista Ángel Suanzes, unha publicación que mestura os versos do autor coas fotografías de Clara Honorato. Nunha viaxe a través da ausencia, o desacerto, a fraude e outros desencantos, Suazes presenta o tempo como única solución do desamor

“Por iso a memoria”, di Suanzes, “por iso a néboa que sacude todo, por iso as fiestras e os reflexos, e por iso, esas fotografías que aportan todo o abandono que só o visual é quen de transmitir”. Na lapela, a escritora Iolanda Zuñiga describe os textos que o compoñen como “unha secuencia de fotogramas que o autor arrebola coma proxectís, co propósito de perforar a carne da lectora, sen danarlle os órganos, mais procurando que a metralla desalentada enquiste, e levede, nas súas entrañas”. 

O autor propón un diálogo con alguén que non ten que ser necesariamente unha posible lectora. Deste xeito, Ángel Suanzes convida a quen se achegue ao libro a adentrarse un xogo que busca a conversa entre diferentes narradores no espazo/tempo. “Gustaríame que algún día, se houbera lectoras, xogaran a completar elas a súa propia frase entre aspas. Que a poesía non quedara nun monólogo e poidera dar lugar a un diálogo e a unha escoita para a aprendizaxe”, engade.

A primeira presentación pública de E se a memoria está na boca terá lugar o próximo 11 de xullo na Casa común de Francos (Teo). Ao evento asistirán o autor, Ángel Suanzes, a fotógrafa, Clara Honorato, e o editor, Wladimir Vaz. Ademais, tamén se contará coa presenza dos actores Xosé Barato e Rocío González e coa xornalista Pilar García Rego, que recitarán diversos poemas do libro para dar paso a unha actuación da banda Blues do País. Ao longo das próximas semanas, o poemario tamén se presentará en varias localidades galegas

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.