O remake de ‘Mulán’ estrearase en Disney+ cun custo adicional

Debido á pandemia e á imposibilidade de desenvolver a estrea mundial en cinemas, a compañía lanzará a película en setembro a un prezo estimado de 30 euros

A multimillonaria produción de Mulán en acción real tivo que ser atrasada varias veces este ano debido á pandemia da COVID-19, mais a audiencia global terá a posibilidade de vela o 4 de setembro. Disney anunciou que estreará o filme na súa nova plataforma de streaming Disney+ cun custo adicional. Nos Estados Unidos, a tarifa engadida será de 29,99 dólares. Aínda que no resto do mundo é aínda unha incógnita, a habitual conversión íntegra augura un prezo de 29,99 euros no Estado. Os países onde Disney+ non está operativo manterán a estrea en cinemas.

Esta nova chega logo do anuncio das brutais perdas económicas que está a sufrir Disney pola pandemia -case 500.000 millóns de dólares netos no terceiro trimestre de 2020-. Isto explica a desproporcionada tarifa que teremos que pagar para ver Mulán, cuxo presuposto de 200 millóns de dólares calcúlase xa irrecuperable. Esta estrea inédita tamén servirá a Disney como “coello de Indias” dunha potencial nova vía de distribución, nuns tempos excepcionais que están a apuntar a caída libre da asistencia ás salas de cinema.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.