O (S8) pecha a súa edición cun obradoiro de inclusión social

O (S8) Mostra de Cinema Periférico levou a cabo un ano máis o seu obradoiro cinematográfico de inclusión social Xpresa, formando parte por segundo ano consecutivo do Programa Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa. Nel, mozos e mozas membros da Asperga (Asociación Galega de Asperger) e da Fundación Adcor (persoas adultas en situación de dependencia) puideron desenvolver as súas propias facultades, o seu potencial creativo e expresarse emocionalmente da man do reputado cineasta Andrés Duque.

Este obradoiro, que se celebrou ao longo deste mes de xullo na Fundación Luis Seoane da Coruña, unha das principais sedes do festival, nace froito da vontade da Asociación eSe8 de ofrecer un curso que lle permita a persoas con capacidades diversas facerse con ferramentas coas que poder experimentar e expresar as súas propias capacidades. Créase así un espazo que lle brinda ao alumnado mecanismos de creatividade para poder incorporalos no seu día a día, fomentando a creación libre e estimulante de pezas cinematográficas persoais, feitas dende a experimentación.

Ademais de estudar algúns cineastas que dedicaron toda a súa vida á experimentación audiovisual, no obradoiro puxéronse en práctica os seus achados, xerando así un material que lles permitiu aos asistentes construír unha película improvisada.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.