O Salón Internacional do Cómic ‘Viñetas desde o Atlántico’ abre hoxe as súas portas

O festival coruñés acollerá na súa semana grande un bo número de presentacións do cómic infantil e xuvenil

O Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico abre as súas portas na cidade da Coruña. Un ano máis, a tradicional cita exhibirá un bo número de propostas centradas no cómic infantil e xuvenil, tanto nacional como internacional. Desde hoxe luns, 17 de agosto, e ata o día 23, o festival será espazo de diversas presentacións editoriais. Farao cumprindo as medidas sanitarias, entre elas a distancia social e o uso de máscara, e sempre que a evolución da pandemia o permita.

Pola súa banda, as exposicións programadas atoparanse abertas ao público ata o 13 de setembro. Nesta ocasión, serán varias editoriais as que achegarán orixinais dos seus principais creadores, mentres que o Kiosco Alfonso acollerá a obra de catro debuxantes, entre eles o xenovés Alessando Barbucci, creador das series Sky Doll e W.I.T.C.H. Tamén se exhibirán os orixinais de Enrique Vegas, Pau e a coruñesa Xulia Vicente, quen, por encargo do Consello Galego de Cultura, levou á banda deseñada a historia de Elisa e Marcela.

A sala de exposicións do Palacio Municipal de María Pita acollerá os orixinais da novela gráfica MIES, o biopic publicado por Agustín Ferrer Casas sobre o arquitecto Mies van der Rohe, último director da escola Bauhaus, berce da arquitectura moderna que o pasado ano cumpriu o seu centenario.

Ademais, este ano a carpa de presentacións que se instala diante do Kiosco será tamén un espazo expositivo onde se amosará os orixinais que compoñen o fanzine de Amnistía Internacional na defensa dos dereitos humanos. A Torre de Hércules será un ano máis outra das singulares salas de exposición: coma nun xogo de espellos, poderá facerse nela un percorrido polos carteis da historia de Viñetas desde o Atlántico.

Como nas anteriores edicións, na sala de exposicións Salvador de Madariaga celebraranse os últimos premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación de A Coruña, coa mostra dos orixinais das obras de Alberto Vázquez e Martín Romero, gañadores da edición XIV do certamen nas súas correspondentes convocatorias xeral e infantil-xuvenil.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.