O último State Of Play de Sony, manchado polas filtracións

Sony ofreceu este martes 10 de decembro o seu último State Of Play do ano, desta vez cargado de novidades e incluso algunha sorpresa que ninguén imaxinaba. Pero unha importante parte do contido anunciado pola empresa nipona fora desvelado nestes últimos días a través de filtracións. En apenas 20 minutos, Sony deu conta de dez títulos, algúns novos e outros previamente anunciados, que sairán en PS4 nos próximos meses. O máis destacado desta presentación foi:

Untitled Goose Game

O xogo independente do malvado ganso –nominado aos Game Awards na súa categoría– que conquistou internet este outono chegará á PS4 en apenas unha semana, o 17 de decembro. A compañía xaponesa elixiu este xogo adorable e moi querido pola xente para abrir a súa rolda de anuncios, a última deste ano, cun vídeo que encapsula moi ben a experiencia deste pequeno gran videoxogo.

Spellbreak

Proletariat é o estudo encargado de desenvolver este novo battle royale baseado en castear maxia que combina esta mecánica con elementos RPG e rogue-like. Equipados con dúas luvas máxicas, os xogadores deben perfeccionar as súas habilidades de combate, que xiran a través dos distintos elementos (lume, vento, auga, xeo…), os cales poden combinar de maneiras moi creativas para explorar, moverse e derrotar inimigos. Haberá tamén diferentes clases que terán habilidades diversas que o xogador deberá sinerxizar co seu estilo de xogo, e co dos membros do seu equipo. O estudo anunciou a creación dunha versión beta que estará dispoñible a comezos de 2020.

Superliminal

Desenvolto polo estudo independente Pillow Castle, Superliminal é un walking simulator en primeira persoa que lembra moito, tanto en estética como en ton, ao mítico The Stanley Parable. Pero neste novo xogo, que chegará a PS4 o 4 de abril, o obxectivo é escapar dun programa de terapia de soños fallido a través de resolver diferentes crebacabezas que teñen en común os enganos da perspectiva.

Kingdom Hearts 3 Re:Mind DLC

O tráiler do contido descargable de Kingdom Hearts 3 coñecíase dende o pasado sábado grazas a unha filtración. Re:Mind aterrará en PS4 o día 23 de xaneiro, dous días antes que na consola de Microsoft, segundo o anunciado por Square Enix. Este DLC traerá consigo unha actualización gratuíta (v 1.07) con dúas chaves espada (Oathkeeper e Oblivion), unha nova transformación para Sora, unha pequena expansión da historia e novas habilidades. Por 29,99 euros poderase adquirir o contido de pago, que contén o novo episodio Re:Mind –que afonda nos sucesos que ocorren cara ao final do xogo–, un “episodio límite” con 13 batallas de xefes, un episodio secreto co seu correspondente xefe final e diversos contidos de customización do xogo, tanto a nivel estético como xogable. Por 10 euros máis poderase adquirir unha gravación do concerto da banda sonora do xogo celebrado o pasado 30 de novembro en Osaka.

Predator: Hunting Grounds

O multixogador asimétrico Predator: Hunting Grounds aproveitou a súa aparición neste State Of Play para anunciar a súa data de lanzamento: o 24 de abril do vindeiro ano. No trailer presentado por Zombie Studios presentáronse as tres clases de depredador que o xogador pode escoller: explorador, para lanzarse rapidamente sobre as presas; berserker, para tirar de forza bruta e cazador, que busca o punto medio entre ambas. O estudo amosou en apenas dous minutos as múltiples formas de matar inimigos e o inxente arsenal tecnolóxico que os xogadores terán a disposición. Toda unha mostra de forza nun dos títulos máis innovadores e arriscados que quedan por saír nesta xeración.

Babylon’s Fall

Unha das sorpresas da tarde, a nova colaboración entre Square Enix e Platinum Games (NieR: Automata, Bayonetta, Astral Chain…) amosaba o seu primeiro gameplay. Babylon’s Fall é un xogo de acción en terceira persoa enfocado principalmente no combate, de tipo hack and slash, a especialidade da desenvolvedora xaponesa. O tráiler céntrase nas diferentes habilidades do protagonista e achéganos a ambientación do xogo, unha especie de fantasía medieval. Pouco máis sábese deste novo título, que se está desenvolvendo para PS4 e do que saberemos máis en verán, presumiblemente no E3.

Resident Evil 3

A xoia da coroa, filtrada hai uns días, quedaba para o final. Tras o éxito sen precedentes do remake de Resident Evil 2, Capcom púxose mans á obra co seguinte título da súa franquía. Os fans da franquía poderán revivir a fuxida de Jill Valentine dunha Raccoon City infectada polos zombis en HD e, por primeira vez, e en primeira persoa. Chegará o 3 de abril de 2020. Pero as novidades non quedaron aí. Capcom anunciou que este remake incluirá Resident Evil: Resistence –antes coñecido como Project Resistance–, un multixogador online asimétrico 4 contra 1, tamén de temática survival horror.

Despois, tras o agradecemento do pai da PlayStation, Ken Kutaragi, polos 25 anos da primeira consola de Sony, chegou a última sorpresa da tarde: Ghost Of Tsushima. O esperado videoxogo de temática oriental desenvolto por Sucker Punch facía unha breve aparición no State Of Play para anunciar que este venres, nos Game Awards, lanzará un tráiler. Quen sabe se, por fin, haberá data de lanzamento.

O esperado xogo de Sucker Punch terá un novo tráiler este venres.

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.