O Varadero Fest, un festival de música urbana que pon en valor Moaña

A segunda edición do Varadero Fest celebrarase o sábado 10 de xullo en Moaña. O lugar escollido para este festival de música urbana será o Parque de San Bartolomeu, o mesmo emprazamento que o ano pasado. Nesta ocasión actuarán Deva & The Divas, Brava e Confraría Chalana. Coma no 2020, o evento será de balde.

O programador do festival, Alexandre Sánchez ‘Xandre’, destaca a importancia que ten para el establecer unha comunicación entre o festival e a localidade do Morrazo: “Moaña é o pobo onde nacín, onde vivo e onde traballei gran parte da miña vida. O lugar onde se fai Varadero ten unha connotación especial”. O parque de San Bartolomeu sitúase no porto de Meira, que tivo un peso moi importante na pesca artesanal da ría de Vigo. “No arte de cerco agora en Moaña hai tres barcos, pero e que nos anos 70 había 120”, lembra.

A primeira edición do Varadero Fest celebrouse o ano pasado nun contexto pandémico onde practicamente todos os eventos cancelaban. Xandre destaca o labor do Concello de Moaña xa que sen o seu apoio non sería posible a celebración do festival: “Eles, en última instancia, son os promotores”. Da edición do 2020 destaca como positivo que un evento onde sonaba reggaeton e música urbana -estilos de música moi dados ao baile- funcionara malia que todos os asistentes deberan estar sentados.

Na pasada edición organizouse unha reserva de entradas que se remataron en poucas horas. Nesta ocasión, dende a organización optouse por cambiar o sistema. O Varadero Fest segue a ser de balde, pero nesta ocasión non é necesario solicitar praza previamente. Ademais, o aforo subirá de 300 a 500 persoas. Para Xandre o “gran cambio” desta edición é que este ano estará permitido bailar: “O espazo está adecuado á normativa vixente”, aclara.

A zona de baile será nun espazo habilitado onde non poderá nin beber nin comer, ademais de ter en todo momento a máscara posta. Por outra banda, montarase outro espazo dedicado á restauración que seguirá as normas que ten calquera de tipo de establecemento de hostalería.

A MÚSICA

O gran nome do cartel deste Varadero Fest 2021 é Deva, unha das artistas máis relevantes do panorama estatal en materia de música urbana. “É a segunda vez que vén a Galicia, estou moi contento de poder traela. Para min era a mellor proposta posible para liderar esta edición”, explica Xandre. Ademais, destaca que será un directo con banda, neste caso xunto con The Divas: “Paréceme algo súper actual e moi fresco. Hai uns anos pasouse de propostas con banda a cousas feitas con ordenador e agora estase levando a unha fusión á inversa”.

Antes do prato forte, o festival comezará con Confraría Chalana, os dous DJs que capitanean a festa Chalana Club, un evento que se celebra na Coruña e que é un referente estatal dende hai máis de catro anos. Un deles é o propio programador do Varadero Fest: “Eu e mais Judah GT Faremos a introdución do festival. Ao final Chalana é o clube máis importante que hai en Galicia e ten unha identidade sonora concreta”.

Brava encargarase do peche do evento. Un final que promete ser unha verdadeira festa: “Dentro da escena de DJs estatal, Brava é como queroseno. Cando se pon pinchar é pura enerxía e fai que todo o público conecte con ela”. Ela é DJ residente da emblemática sala Dabadaba de Donosti e parece que vén con intención de mandarnos ata alá e de volta para Moaña coa súa actuación.

PROGRAMAR NO 2021

O número de artistas desta edición é menor respecto a edición anterior. “Este ano apostamos por unha experiencia máis curta, pero inesquecible”, explica Xandre. É un evento pensado para un contexto onde o público tiña que estar sentado. “Un festival é un lugar onde non queres ter normas e estar cos teus colegas, pero a situación é a que é”, engade.

Nos últimos tempos, varios festivais galegos foron obxecto de críticas por mor da escasa presencia de mulleres no seu cartel, como os ciclos O Son do Camiño Perseidas ou o Abanca Riazor Live. No caso do Varadero Fest son maioría: “Se ti non o tomas como unha decisión consciente, é moi sinxelo que non o fagas porque o normal é que no mundo que vivimos o 80% das propostas que se te veñan á cabeza sexan masculinas”, reflexiona Xandre.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.