O WOS Festival desvela seu cartel completo

O WOS Festival ven de dar a coñecer seu programa completo. A VI edición do evento, que se celebrará entre o 8 e o 11 de setembro en Santiago de Compostela, recolle numerosas estreas a nivel nacional e internacional, e suma catorce novos nomes e actividades aos previamente anunciados.

O festival continúa así coa súa aposta por presentar propostas contemporáneas en torno ao “risco, a innovación e a exploración” co obxectivo de ofrecer unha alternativa cultural e artística de calidade en Santiago de Compostela. Esta nova edición do evento desenvolverase en doce localizacións de valor patrimonial da capital galega: o museo CGAC, o Teatro Principal, as Igrexas de Bonaval e da Universidade, as salas Capitol e Malatesta, a Fundación Eugenio Granell, a Sede Afundación, o Auditorio Abanca, o cinema Numax, a Fundación SGAE e o parque de Bonaval. Nos próximos días anunciaranse os horarios da programación e a súa distribución nas diferentes sedes.

MÚSICA

Unha parte importante da programación compóñena os concertos audiovisuais onde desfrutar de experiencias inmersivas. Nesta última ronda de incorporacións únense aos xa anunciados con anterioridade de Caterina Barbieri e Aho Ssan & KMRU o concerto do artista inglés referente do witch house Holy Other, quen regresa tras nove anos de parón para, en colaboración co artista visual portugués Pedro Maia, presentar o seu último álbum Lieve, que servirá de apertura do festival. Tamén, o estadounidense Rafael Anton Irisarri e a artista visual de Hong Kong Florence To presentan en primicia no marco do festival ATAARPHONOAK, unha visceral peza audiovisual cuxo concepto xira arredor da manifestación de partículas solares entrando na atmosfera terrestre. A neerlandesa-italiana Grand River poñerá o broche final ao festival presentando por primeira vez en España FOG, o seu novo concerto audiovisual creado xunto ao artista italiano Marco Ciceri. Completan esta lista os concertos dos galegos Artur M. Puga, que presenta por primeira vez o seu primeiro álbum co acompañamento visual de Shoeg, e Death Whistle, que presentará o seu novo álbum Alter.

A programación de noite e orientada a club trae consigo incorporacións moi especiais. Por un lado, a produtora e artista inglesa aya presenta xunto con Sweatmother, cineasta e artista visual, unha obra audiovisual que establece relatos de comunidades, voces e corpos non recoñecidos. O canadense radicado en Berlín Aquarian presenta en España Ouroboros, unha peza cun fino equilibrio entre experimentación e baile, e que conta co acompañamento das imaxes da artista visual china Sougwen Chung. Por outro lado, as incorporacións da produtora tunesina afincada en Francia Azu Tiwaline, que presentará en directo a súa música influenciada pola música bereber, a cultura club, o trance e o techno, e a nova discjockey neerlandesamad miran, que será a encargada de pechar o club na noite de venres cun do seus intensos sets de techno e breakbeats.

Completan esta segunda ola de anuncios os directos da estadounidense Rachika Nayar presentando o seu novo álbum Heaven Come Crashing, que se publica este 26 de agosto da man do selo NNA Tapes; a noruego-mexicana Carmen Villain, presentando en formato dúo o seu novo álbum Only Love From Now On, unha deconstrución musical e espiritual do ecosistema da artista publicada baixo o selo Smalltown Supersound; o produtor e recoñecido músico inglés Coby Sey presentando en primicia o seu primeiro álbum en solitario Conduit, que publica co selo londiniense AD93 o día antes da súa actuación no festival; a estadounidense Ulla Straus, que nos últimos anos converteuse en parte esencial do ambient grazas ás súas composicións arredor da electroacústica e o jazz experimental; e o artista galego CRNDS, que integra elementos propios da música tradicional e o folclore coa linguaxe da música electrónica experimental contemporánea.

Con estas confirmacións, ademais, o festival posiciónase como punto de encontro para desfrutar do traballo de grandes creadores contemporáneos no campo das artes visuais, estando presente nesta edición nomes como Marcel Weber (MFO)Ruben SpiniFlorence ToPedro MaiaMarco Ciceri,ShoegSougwen Chung e Sweatmother.

CINEMA

O festival segue apostando, como en edicións pasadas, pola proxección de películas ou documentais relacionados coa música e a creación contemporánea. Nesta ocasión, no programa de cinema poderán verse as películas A Symphony of Noise. Matthew Herbert’s Revolution, de Enrique Sánchez Lansch, Éliane Radigue – Échos, de Eléonore Huisse e François J. Bonnet O gemer, de Xabier Erkizia. 

A Symphony of Noise (2021) é unha viaxe sensorial de carácter experimental cara a mente do británico Matthew Herbert, artista fundamental na evolución da linguaxe musical da electrónica durante as últimas décadas. Neste documental, galardoado nos Premios do Cinema Alemán, o director hispano-alemán Enrique Sánchez Lanch acompañou durante máis dunha década ao músico británico para captar os seus procesos creativos e explicar o importante subtexto político da súa obra.

O festival presentará a estrea en España da curtametraxe Éliane Radigue – Échos (2021), onde a cineasta Eléonore Huisse e o artista sonoro François J. Bonnet visitan na súa casa á pioneira da música electrónica Éliane Radigue resultando un retrato íntimo da artista francesa. A curtametraxe proxectarse xunto a O gemer (2021) unha película do artista sonoro, músico, xornalista e investigador do son Xabier Erkizia, co particular son dos carros de bois vascos como protagonista. O documental, presente no último Festival de San Sebastián, ten unha gran importancia antropolóxica e reflexiona sobre o pasado, pero tamén sobre o presente e o futuro cuestionando como o ser humano percibe e interpreta os sons do mundo onde vive.

Xabier Erkizia presentará a película e posteriormente participará nun coloquio sobre esta. Á súa vez, a proxección leva acompañada unha conferencia do director baixo o nome O xemer dun carro, que terá lugar na Sede Afundación unhas horas antes e estará aberta ao público. 

CONFERENCIAS

O programa de conferencias segue sendo un dos eixes vertebradores do festival. É un espazo creado para o debate, a reflexión e o pensamento crítico dos diferentes axentes da industria da música e a cultura sobre como o presente afectará ao futuro e/ou o impacto social que este terá en materia de tecnoloxía aplicada á arte.

Nesta ocasión, contará cun diálogo entre a dj e produtora galega afincada en Berlín Cora Novoa e o artista neoiorquino Rafael Anton Irisarri, onde este último compartirá o proceso e ética creativa que o acompañaron ao longo do seus máis de 15 anos de carreira na música ambient e experimental. Ademais, tamén se tratarán cuestións políticas e morais derivadas da creación artística no mundo dixital.

Na mesa redonda “Tras o gran reinicio: a industria creativa ante unha inminente recesión planetaria e subordinación dixital”, moderada por Frankie Pizá, participarán Alex Nikolov, Andrea Lamount, Karne Kulture, Patricia M. Val, Mounqup e Yugen Kala. Nesta cita reflexionarase sobre os cambios sociais e o volver a empezar provocados pola pandemia, a emerxencia medioambiental, a transformación dixital e como afecta á nova articulación do mundo cultural.

Péchase así o programa desta edición de WOS Festival, organizado pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY. O evento conta co apoio estratéxico de SON Estrella Galicia vinculando unha vez máis o seu nome como patrocinador principal e co apoio institucional do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación Provincial de A Coruña, a Xunta de Galicia a través de Xacobeo 21-22 e AGADIC, ademais de outras institucións e axentes culturais que operan na cidade. Tanto os abonos como as entradas de día e actividades puntais xa están á venda e pódense adquirir a través de https://wosfestival.es.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.