Olga Novo recibe o Premio Nacional de Poesía

A súa obra 'Feliz Idade' é recoñecida co galardón do Ministerio de Cultura e Deporte

O xurado do Premio Nacional de Poesía, outorgado polo Ministerio de Cultura e Deporte, vén de propoñer á poeta galega Olga Novo para ser galardonada este ano 2020. O comité recoñece a súa máis recente obra, Feliz Idade, por “tratarse dun relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis alá do tempo. O libro é unha criatura viva que relaciona a maternidade e a morte cunha profunda presencia crítica da memoria histórica“.

Olga Novo, doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, supón unha das voces máis destacadas da nosa poesía contemporánea. A súa obra entróncase con propostas radicais e libertarias, marcada polo vitalismo telúrico, o feminismo, a memoria agraria e o erotismo. Feliz Idade é o seu quinto libro de poesía en galego, distinguido por unha voz poética “inconfundible e de gran potencia”, que “trae á contemporaneidade o eco ancestral de toda unha tradición literario”.

Ata hai sete anos, o Ministerio de Cultura non recoñecera nunca á poesía en lingua galega co Premio Nacional de Poesía. Fixeron falta 36 anos desde a súa creación, ata que o galardón chegou a mans de Manuel Álvarez Torneiro en 2016 pola obra Os ángulos da brasa. En 2019, Pilar Pallarés tamén era recoñecida por Tempo Fósil. E por segundo ano consecutivo, o premio chega a mans da poesía galega.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.