Os 20 discos galegos de 2019

O ano pasado deixou tan bos discos que á hora de comezar a recopilar os lanzamentos máis interesantes das bandas e artistas galegos durante este 2019 seguiamos a escoitar traballos como DEIXAAS de Mercedes Peón ou Castro Verdi de Mounqup. Pero o mundo segue a xirar e a escena musical de Galicia non se toma descansos.

Ao longo do ano falamos dalgúns dos discos que máis nos chamaron a atención pero moitos outros pasaron desapercibidos polos nosos radares no momento do seu lanzamento. Nesta lista reunimos os 20 álbumes que máis nos gustaron deste 2019, 20 coleccións de cancións que se moven entre estilos moi diferentes pero que amosan todo o que teñen que ofrecer os nosos artistas.

Como sempre, esta é a nosa opinión. Animámosvos a que nos comentedes cal foi o voso disco galego favorito deste ano 2019, que vos pareceu a lista ou se pensades que hai algún traballo que debería ter feito unha aparición entre os álbumes que seleccionamos.

Folc Records

Familia Caamagno

Había que intentalo

En Había que intentalo Familia Caamagno amosan ao longo das nove pistas que o compoñen a primeira transformación notable do seu son. Sen abandonar de todo o rock sesenteiro nin o factor humorístico que sempre definiu os seus traballos e introducen novos matices power pop.

The John Colby Sect

Bifannah

Danças Líquidas

En Danças Líquidas Bifannah permítennos darnos un novo chapuzón nos sons tropicais e psicodélicos con letras en portugués, como xa escoitaramos en Maresia (2017). Aínda que estemos as portas do inverno, entre temporal e temporal, cada vez que lle damos ao play a este disco voltamos ao verán.

Autoeditado

Treintañeras Cañeras

Cabaña Caníbal

Dende Vigo, ou como eles lle chaman, Cidade Caballero, os Treintañera Cañeras sacaron o seu segundo EP. Tres cancións de estudo e unha en directo cheas de rock and roll ateigado de humor e retranca son suficientes para facernos saltar unha e outra vez seguindo os ritmos das súas guitarras. Sen dúbida, unha pequena xoia que escoitar ata rebentar os nosos altofalantes.

Raso Estudios

Chisme

Médium

A produción electrónica de Chisme fai de Médium un disco que soa a un futuro dixital cada vez máis próximo. Os ambientes escuros e paranoicos e os samples de Jonas Mekas atopan un espazo común neste álbum que podería describirse como o son de internet.

Mushroom Pillow

Boyanka Kostova

Nova Canción Galega

Esperamos que Boyanka Kostova nunca se deteñan, porque isto significaría un auténtico desastre. Nova Canción Galega é o novo traballo de Chicho e Cibrán, compoñentes do grupo e nesta ocasión tamén o nome dunha das cancións que conforman o álbum. Neste novo traballo, o dúo afina mellor os seus tiros e converten a súa música nalgo ineludible en calquera festa galega. Imos á orquestra!  

Todomedre

Os Amigos dos Músicos

Segundo Fogar

Segundo Fogar de Os amigos dos músicos é un traballo que non require moito para funcionar. A instrumentación, principalmente acústica, e as harmonías vocais, conforman todo o que precisa un disco para colarse nas nosas playlists: boas cancións.

Autoeditado

Ataque Escampe

A Alma

Ataque Escampe voltaron este ano e fixérono de novo con Álex Charlón á voz principal, tras a súa saída da banda no 2015. A Alma é un lanzamento breve pero que se sinte moi grande. O seu tracklist confórmano tres cancións acompañadas dunha introdución e uns créditos finais en formato sonoro nos que atopamos unhas letras tan acertadas coma sempre e unha instrumentación máis atmosférica do habitual.

Raso Estudios

Baiuca

Misturas

Tras revolucionar o panorama musical galego con Solpor, Baiuca regresa na súa revisión do folclore galego. Na mesma liña dun entramado electrónico envolvente, pouco evoluciona este Mesturas do publicado o ano pasado, máis aló dun maior achegamento a percusións tribais. Porén non deixa de ser igual de desfrutable e accesible.

Autoeditado

Glitchgirl

DESPACITO V3

Vinte e nove temas parece unha loucura para calquera traballo musical. Con todo, ao falar de GLITCHGIRL e de DESPACITO V3, isto é un adxectivo totalmente positivo. A produtora asturiana afincada en Galicia converxe a súa música cos estilos de moitos outros artistas para traer un traballo colaborativo fantástico onde todo ten cabida, e sempre con moito tino.

Discos de Kirlian

Dois

Fenómeno

Dous anos despois do seu esperanzado LP debut, Está Bien, a banda viguesa volve con seis cortes que seguen a mesma estela psicodélica. Nun lixeiro abandono do lo-fi, Dois somérxese máis no dream pop e no surf rock, a través de punteos e rasgueos de guitarra reminiscentes dos primeiros Beach Fossils.

Metamovida

Loiros

Loiros

O primeiro disco de longa duración de Loiros supón un prometedor proxecto que parte do jazz moderno e converxe no post-rock, no shoegaze e no grunge. Longos desfiles de mesturas psocidélicas conforman un primeiro achegamento a unha banda á que lle queda moito que amosar. A peza Fomos nenos é sinxelamente inesquecible.

Autoeditado

Mundo Prestigio

Mundo Prestigio

O noise-rock de Jay pasou xa a outra vida, e das súas cinzas nace Mundo Prestigio, un cambio radical tinguido de novas formas e cores. O EP debut desta nova e refrescada formación supón todo un despregue de sampler que bucea entre o hip hop, o pop a música negra e o post-bop ao máis puro estilo BadBadNotGood.

dotbeat

Agoraphobia

Unaligned

No seu segundo disco de longa duración, Agoraphobia conseguiron rexistrar a versión definitiva da proposta sonora que foro desenvolvendo ata este momento. As dez cancións que conforman Unaligned traen consigo novos estribillos cheos de guitarras afiadas e enerxía sen pausa que ben merecen unha escoita.

Ernie Records

Novedades Carminha

Ultraligero

Con Ultraligero Novedades Carminha decidiron dar un paso máis cara adiante e rachar definitivamente coa homoxeneidade de xéneros, empaquetando un disco que bebe do funk, da cumbia, do hip hop, das verbenas de aldea e incluso das novas ondas do trap.

La Castanya

Aries

Juramento Mantarraya

A música de Juramento Mantaraya é capaz de encher de cor calquera habitación durante o que duran as dez cancións que compoñen este novo traballo de Aries. O proxecto da bilbaína Isabel Fernández, afincada en Vigo, segue a soar tan cheo de vida como sempre. Se buscades unha proposta de música pop, accesible ao mesmo tempo que chea de persoalidade e de ideas atrevidas este é o voso disco.

La Melona | MENTA

Pálida

The Forest

O nome de Pálida é xa un valor seguro dentro da electrónica galega. Desta volta, o proxecto de José Garnelo, máis coñecido como Nelo trouxo consigo o EP The Forest no que ao longo de tres composicións os sintetizadores se entrelazan cos ritmos de maneira áxil creando ambientes máxicos, naturais e futuristas, todo ao mesmo tempo.

Autoeditado

Kaleikia

Oileán Fada

Oileán Fada foi unha deses discos inesperados que sempre aparecen cada ano. O primeiro álbum de longa duración de Kaleikia mistura de maneira áxil o stoner rock con pianos con certos aires clásicos en longas composicións instrumentais que nos fan viaxar por todo tipo de paisaxes durante máis dunha hora.

Autoeditado

Thomas Dylan & Balea

Retratos

Parece ata unha cousa do destino que un artista chamado Balea apareza nas liñas do noso portal. Con todo, o incrible de verdade é o traballo que ten, xunto a Thomas Dylan, detrás. Retratos é, sen dúbida, un dos mellores discos que saíron do noso país este ano.

Ás veces, a lírica é o principal motor do álbum. Moitas outras, é a música a que fala por si soa. Podemos atopar un álbum cheo de jazz, experimentación e rap clásico, todo sempre fusionado á perfección para traer temas convincentes e máxicos capaces de levarnos ao nirvana.

No punto máis experimental, temas como Autoretrato ou Fuck the Artist traen baixo o seu brazo unha liña que busca unha agresividade ante a calma fantástica. Os toques clásicos do álbum, lonxe de desentoar cos anteriores, demostran un respecto polo xénero ao que poucos peros lle poderiamos poñer e que axudan a conformar o corpo do álbum.

Ernie Records

Ortiga

Chicho & Sus Chichas

A aparición dende un primeiro momento de Ortiga na escena musical galega foi unha alegría. Dende aquela, poucas veces podemos imaxinar un momento de celebración no que non sexa boa idea poñer algunha das cancións que conforman Chicho & Sus Chichas, o seu debut en solitario.

Se hai algo típico en Galicia, gústenos máis ou menos, é que ir á orquestra en verán ás festas das nosas vilas e aldeas é algo tan típico como a choiva ou os nosos montes. Con todo, era cada vez unha poboación máis vella a que podía conectar con isto.

Ante esta problemática, había dúas opcións en relación ás novas xeracións do país: deixar escapar o tópico, fuxir dos esquemas e convencernos de que outro ocio era xa unha realidade, ou reconvertelo para os máis novos. E o éxito de Ortiga reside no segundo.

Chicho & Sus Chichas é un disco fantástico, onde aínda que a música da corrente popular mencionada anteriormente é a que leva a voz cantante, os sons do álbum tentan ir máis alá e buscar espazos onde crecer e evolucionar, achegándose a outras correntes musicais lonxe do verbeneo. Pop, trap e cumbia atopan no álbum un fantástico espazo no que convivir, sempre buscando o sorriso na faciana do ouvinte.  

Calaverita Records

Tanxugueiras

Contrapunto

A boa noticia para a música tradicional galega é que ten futuro na vangarda musical do país. Temos a sorte de que é cada vez algo máis común ver como máis e máis artistas ven tirón neste xénero musical para transformala, xogar cas súas normas e buscar os seus límites. Vimos en Baiuca varios exemplos de converxencia musical, e como Mercedes Peón en DEIXAAS esnaquizaba calquera desas regras.

Tanxugueiras, por outra banda, tenta algo tan diferente a eses proxectos como gratificante no resultado final. As normas da tradición están aí, no fondo, pero é dende esta estrutura e cun respecto infranqueable onde se aproveita para crecer, deixando ideas interesantes en cada unha das pezas para levar a cabo un proxecto tan redondo como difícil de levar a cabo.

Pandeiretas e voces a coro en ritmos clásicos conviven en Contrapunto con elementos actuais que toman o papel protagonista en moitas das cancións, pero sempre sen saírse das pautas establecidas, para crear auténticas xoias de actualidade, renovando e mantendo o xénero como ninguén.

Perfidia, Niña Nena, Desposorio ou Malquereza, sen desprestixiar ao resto de temas, convencen e estar chamadas a ser das mellores pezas musicais que a tradición ofreceu a xa non só o seu público habitual, senón á música galega na súa totalidade, cun son ecléctico que namora e hipnotiza.

Sería, como mínimo, difícil imitar para outros o que as Tanxugueiras conseguen neste álbum, cheo de matices e que a cada escoita agrándase como poucos. E tampouco fai falla, pois estamos ante presente e futuro dalgo precioso.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.