O 2020 foi un ano atípico en todos os sentidos, pero en especial para a música e a cultura. Moitos dos discos estreados non tiveron a oportunidade de soar en directo nas salas de concertos galegas, onde os artistas son capaces de dar unha nova dimensión á súa música. Pero por esta mesma razón os lanzamentos gravados en estudio foron todavía máis importantes este ano, ao ser a única maneira de seguir en contacto coa música galega mesmo durante o confinamento dende as nosas habitacións.
As dificultades que trouxo consigo a pandemia para os músicos, tamén obligou a retrasar numerosos lanzamentos, e cabe a posibilidade que algunhas das mellores cancións gravadas ao longo deste ano non as poidamos escoitar ata o 2021, unha vez a normalidade anterior á pandemia comece a facer os seus primeiros actos de presencia, en especial para o sector cultural.
Pero entre os discos galegos que chegaron a ser lanzados ao longo deste ano, dende Balea seleccionamos os 20 que máis os gustaron. Traballos que se moven entre distintos xéneros, compostos por artistas de distintas xeracións que amosan todo o que ten para ofrecer o panorama musical galego mesmo nun dos seus anos máis difíciles.

Nüca
Niké
O son de Nüca en Niké baila, coma faremos nós, entre a cumbia e o videoxogo. En tan só catro temas, a banda ferrolá ten tempo de sobra para explorar o seu son tanto como poucos son capaces en carreiras completas, mostrando unha madurez estilística inesquecible onde os límites do evocado só están na nosa imaxinación.

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
As Catedrais Silenciadas
O terceiro disco do antigo membro de Berrogüetto da man de Adufeiras de Salitre explora as distintas sonoridades da música tradicional galega, sempre con coidadas interpretacións e incorporando influencias doutras latitudes do mundo que fan deste traballo unha escoita máis variada.

Cora Novoa
Sun/Blackout
Cora Novoa debuta na discográfica canadense Turbo Recordings con este EP conformado por dúas pistas de electrónica con sons mecánicos e enérxicos, impulsados por unha percusión sintética capaz de facer tremer o chan de calquera habitación por moi pequenos que sexan os altavoces coas que se estén a escoitar.

Marem Ladson
Azul
Despois de publicar seu primeiro disco no ano 2018, Marem Ladson voltou este ano co EP Azul, un traballo conformado por cinco pezas entre o folk e o rythm & blues que transmiten moita máis liberdade e seguridade por parte da artista Ourensá, que desta volta aposta por cantar varias das súas cancións en castelán, deixando o inglés para as últimas pezas.

Rumia
Next Round
O 2020 foi un ano cheo de lanzamentos para Rumia, con varios singles e dous EPs. O segundo deles, titulado Next Round, amosa unha proposta de pop electrónico cunha produción chea de capas de sintetizadores que envolven as melodías de Blanca, dando forma a cancións complexas á vez que accesibles nas que un se pode mergullar con cada escoita.

Guadi Galego
Costuras
Guadi Galego segue a desenvolver a súa proposta en solitario tras a súa carreira da man de Berrogüeto con este novo traballo, titulado Costuras, un disco delicado cunha coidada instrumentación chea de pequenos detalles que ao mesmo tempo aposta polo minimalismo, entre os sons acústicos e electrónicos.

YOUCANTHIDE
YOUCANTHIDE
A colaboración viguesa entre a banda de garaxe Kings of the Beach e o rapeiro Kaixo tróuxonos un dos mellores discos de rock galego do ano. A pesar de ser artistas que veñen de mundos moi diferentes, a música que podemos atopar neste traballo enmárcase dentro do do post-punk, ou mesmo do new-punk, o concepto que introduciu o propio Kaixo para definir a súa particular proposta musical.

Boyanka Kostova
Os dous de sempre
En Os Dous de Sempre, Boyanka Kostova seguen a facer o seu, o que lles deu un nome no panorama musical do noso país. Pero con cada traballo que publican, dan un paso máis cara a novas formas de materializar a un estilo urbano ao que aínda lle queda moito por esgotar.

A Rabela
Que prenda a faísca
Na súa carta de presentación oficial, A Rabela sitúase como unha das voces máis interesantes do presente e futuro do rap galego. Sobran as palabras para describir os comprometidos versos que forman parte de Que prenda a faisca, onde a artista consegue en catro temas cheos de diferentes vertentes musicais definir o seu estilo.

Pálida
Effects of Sunlight
Tanto pola capacidade de Pálida de producir álbum tras álbum, como pola calidade que todas as súas pezas mostran cada vez que estes traballos son lanzados, unha vez máis vémonos na obriga de que o seu novo álbum, Effects Of Sunlight, esté na nosa lista dos mellores discos galegos do ano. Divido en tan só dúas pezas, cun ton lixeiro, ledo e optimista, no novo de Pálida conseguimos atopar un recuncho de felicidade deses que ás veces fan tanta falla.

Babykatze
BLUT
A piques de rematar o ano, e como unha desas alegrías que nunca veñen mal nun ano tan caótico coma o que foi 2020, Babykatze volvía ao estudo para a publicación de BLUT, salvando un chisquiño o que precisaba ser rescatado. O son da arxentina tórnase agora cara un excelente ton electrizante de aires melancólico que, en tan só catro pistas, é capaz de amosar unha calidade incrible.

Underclock
Alas de Cristal
Tras moito tempo de espera, por fin Underclock botou as súas ás de cristal a voar e lanzou o seu primeiro longo, Alas de Cristal, cuxo nome é ben definitorio do que podemos atopar dentro do álbum: pezas de música electrónica, sen voces que nos den a maior guía do que estamos a presenciar, pero aínda así cheas dunha sensibilidade que nos leva a un trance difícil de conseguir doutro modo. A espera pagou a pena. Moito.

Xosé Lois Romero & Aliboria
Latexo
No segundo disco xurdido da colaboración entre Xosé Lois Romero e Aliboria, a música tradicional galega adopta sonoridades que poucas veces tiñamos escoitado antes. A voz e a percusión son as protagonistas absolutas deste traballo que dota ao folk da nosa terra duns aires tribais, enérxicos que por momentos lembra a algunhas bandas de música industrial dos anos 80 sen abandoar a súa compoñente tradicional.

Xan Campos Trío
Realismo
Con Realismo, o pianista cangués Xan Campos explora ao longo de oito pezas as posibilidades do jazz contemporáneo cunha ollada novidosa, mais sen renunciar a unha das formacións máis clásicas desde xénero musical, o trío. Destaca tamén a produción do disco, sobria a maior parte do tempo, pero con pequenos ocos para introducir certas sonoridades que lembran á música electrónica.

Mundo Prestigio
Los Vengadores
Surxidos das cinzas da banda viguesa de noise-rock Jay, Mundo Prestigio lanzaron este ano o EP Los Vengadores, onde consolidaron seu estilo converxente do hip hop instrumental co jazz e mesmo con aires disco, amosando unha proposta moi elaborada do que pode ser a música urbana. Por se fora pouco, este traballo conta coas colaboracións de Nuno de Grande Amore e Oh! Ayatollah, de Guille de Bifannah e de Cibrán de Boyanka Kostova.

Malandrómeda
Animais da feria
Animais da Feira amosa a un Malandrómeda que non deixa de crecer no seu propio son e busca novas maneiras de continuar creando. Influenciado polos propios traballos que Hevi publicou baixo este nome en 2016, este novo EP mostra que as fronteiras de Malandrómeda aínda están por coñecer.

O Portughés
A Fonte
Se terlle o ollo enriba a O Portughés era un feito inevitable, a saída de A Fonte só o confirma como unha das caras máis incribles, interesantes e capaces do hip hop nacional. A forza que mantén durante todos os catorce temas que conforman o álbum son unha carta, ás veces conscientemente egocéntrica, á música. O problema de A Fonte non está nunca en escoitalo, senón en deixar de facelo unha vez entras nos seus mundos.

Néboa
A Realidade Enganosa
En A realidade enganosa, Néboa apostan por un pop en galego sofisticado, cunha produción minimalista pero na que conviven tanto sintetizadores e outros sons electrónicos coa cara máis orgánica da súa instrumentación.
As dez cancións que compoñen o primeiro disco de longa duración da banda supoñen unha escoita tan interesante como emocional, na que as letras en galego e en portugués danzan sobre melodías que parecen inspiradas tanto polo folk galego como polo jazz.

Sangre de Muérdago
Xuntas
Sen sequera tentalo conscientemente, o son de Sangre de Muérdago forma parte de todos nós. Coma un rumor, avanzando dende os nosos ouvidos ata os nosos corazóns, será imposible que dende a primeira escoita de Xuntas non sintamos como cada unha das súas notas retorce todas e cada unha das nosas células buscando o lugar que lle corresponde no noso interior.
E farao sen filigranas, soamente con guitarras e voces tan puras e doces cuxa única intención semella ser enfeitizarnos e mecernos baixo o seu agarimoso son. Frautas, violas, arpas e guitarras actualizarán dunha maneira excelsa o son que outros crearon e chamaron no pasado música celta.
En 2020, Xuntas érguese para renacer unha parte da música galega que parecía esgotada, insuflándolle vida á música folk que tanto marcou o noso país, e tamén a ser un deses pequenos imprescindibles na historia da música galega.

Triángulo de Amor Bizarro
Triángulo de Amor Bizarro
A estas alturas resulta sinxelo eloxiar a música de Triángulo de Amor Bizarro, a banda de Boiro acadou ao longo da súa carreira recoñecemento tanto da crítica como do público mesmo a nivel internacional, pero non por isto deixa de ser importante facelo.
Neste novo disco homónimo, Triángulo de Amor Bizarro seguen a soar tan agresivos e tan ruidosos á vez que tan popeiros e emocionais. Sen tratarse dun traballo que busque reinventar o estilo da banda, cancións como Fukushima ou Ruptura prescinden das guitarras para explorar a súa esencia dende outras perspectivas.
Desta volta as letras non son tan directas ou políticas como no seu anterior lanzamento, o fantástico EP El Gatopardo, publicado en 2018, senón que abordan un estilo máis críptico e persoal, con momentos tan destacables como ASMR para ti, unha canción cunha produción marcadamente espacial e ambiental capaz de transmitir unha enorme emoción.
Este traballo tamén ten oco para grandes singles como Vigilantes del espejo, todo un himno que chega a lembrar a The Cure, así como breves pasaxes instrumentais como a que segue a Cura mi corazón, probablemente a mellor canción en pechar un disco de Triángulo de Amor Bizarro.