Os 20 discos galegos de 2021

En 2021 os concertos recuperaron unha pequena parte da súa normalidade e algunhas das mellores cancións galegas deste ano por fin puideron ser bailadas. Un ano máis, dende Balea seleccionamos os 20 álbumes que máis nos gustaron deste ano. Trátase dunha lista conformada por traballos que se moven entre distintos xéneros, compostos por artistas de distintas xeracións que repasan distintas propostas dun panorama musical galego onde cada vez hai menos fronteiras, onde os sintetizadores comparten espazo coas guitarras, as melodías tradicionais coa produción electrónica e os alalás aspiran a chegar a Eurovisión.

Atrás Tigre

Vinte Corenta

A banda compostelana volve reconvertida en trío cunha nova colección de catro cancións onde o indie e o new-wave que caracterizaba os seus traballos sigue igual de presente que sempre, pero desta volta acompañado de percusións electrónicas.

Tulip

Estrelas no chan

O pop de Tulip volve traer á súa maxia mediante Estrelas no chan. Pequenos espazos onde os vigueses son capaces de crear pequenos mundos nos que somerxernos. Un refuxio encantador para os tempos nos que estamos a vivir.

Abe Rábade

Sorte

Abe Rábade, un dos nomes clave do jazz galego ao longo das últimas dúas décadas volve cun álbum en formato trío da man de Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería con 12 novas composicións orixinais, que naceron no 2018 pero que finalmente conseguiron chegar ata o estudo de gravación.

FØ Records x Puto Rumeinian

Placinte

Cada día que pasa os FØ Records fano mellor. E Placinte é proba disto. Con Puto Rumeinian á cabeza, nesta mixtape deixan patente un avance musical fantástico do que esperamos aínda ver cousas marabillosas en anos posteriores. Un EP divertido e con grandísimas colaboracións.

Baiuca

Embruxo

En Embruxo a produción de Baiuca mantén os elementos electrónicos ao mesmo tempo que consegue un son moito máis orgánico que da forma a unha proposta persoal cada vez máis definida e coidada, que mantén un son único ao marxe de modas, mirando ao mesmo tempo ao pasado e ao futuro.

Trajedesaliva

Ultratumba

Ultratumba é unha colección de paisaxes sonoras tan abstractas e fantasmagóricas como cargadas de emoción, capaces de moverse entre o ruido e a sutileza con unha soltura que só un álbum coma este, con varios anos de traballo as súas espaldas pode ofrecer.

Grande Amore

Grande Amore

Dalgún modo, este 2021 pertenceu a Nuno. Se mirades esta lista veredes o seu nome varias veces. E como para non. Foi prolífico, e foi xenial. Título homónimo nun álbum moi punk, cheo de sintetizadores e esas letras que tanto o caracterizan. De aquí a uns anos continuará sendo imprescindible.

Sumrrá

7 visións

Con dúas décadas de música e concertos á súa espalda, o trío de jazz Sumrrá segue a soar tan inspirado coma sempre neste disco que conta con pezas máis contemplativas como 13.000 millóns de anos así como cortes máis enérxicos como Periferia universal onde non falta ningún dos sinais de identidade da banda santiaguesa.

Pálida

We Raised a Tower

En We Raised a Tower o proxecto de José Garnelo, máis coñecido como Nelo, constrúe ao longo de catro cancións un universo sonoro a medio camiño entre o dixital e o orgánico con sintetizadores que envolven uns ritmos sutís e discretos pero cos que resulta imposible non mover o corpo.

Los Rastreadores

Los Rastreadores

Este álbum é capaz de perderse e atoparse nos mesmos puntos. A mestura de estilos fai que algún ritmo non sexa tan agresivo como podería ser, e pode resultar unha constante atoparnos querendo máis despois dunha canción. Ortiga e Grande Amore exploran os seus sons, as súas diferencias e atopan puntos de equilibrio.

Caamaño & Ameixeiras

Aire!

Aire! é un título que lle ven moi ben ao álbum de Sabela Camaño e Antía Ameixeiras. Poucos álbumes veredes respirando así, tema a tema, contando unha historia onde as voces son secundarias. As composicións solápanse unhas coas otras, creando unha viaxe que paga a pena vivir.

Triángulo de Amor Bizarro

No eres tú

Con esta publicación a medio camiño entre un sinxelo e un disco de longa duración, Triángulo de Amor Bizarro firmaron sen lugar a dúbidas unha das propostas máis únicas do ano, capaz de poñer sobre a mesa novas formas de entender un disco onde cada pista enlaza á perfección coa anterior sexan escoitadas en orde ou de forma completamente aleatoria.

Chicharrón

Unha fogueira intacta

O son de Chicharrón non deixa de mellorar con cada novo disco da banda de Carballo. Desta volta, Unha fogueira intacta trae consigo atmoferas escuras, engaiolantes e por momentos máis enérxicas que en anteriores ocasións onde os sintetizadores son os grandes protagonistas.

Mounqup

Aquelarre

No seu segundo disco de longa duración, Mounqup presenta unha versión máis pulida do seu son, con cancións que manteñen as súas raíces na terra ao mesmo tempo que manteñen as sonoridades electrónicas que caracterizaron o debut Castro Verdi.

Bala

Maleza

Este é o primeiro disco lanzado por Bala dende a discográfica Century Media Records e a produción desta nova colección de cancións diferénciase por completo dos anteriores traballos da banda coruñesa. Guitarra e batería son máis definidas que nunca, abandoando a estética máis lo-fi por un son cristalino.

Verto

Embora

Os Verto dan un paso adiante cun son máis traballado que no seu debut, e cunha idea clara que son capaces de levar á práctica cun tino envexable collendo influencias, pasadas e presentes, conscientes ou non, e apropiarse delas atopando un punto propio do que xurdir. Un punto presente, que casa coa actualidade das súas letras.

Grande Amore e Mundo Prestigio

Nunomanía

Nuno, outra vez. E non nos arrepentimos. A unión cos Mundo Prestigio trouxeron un EP no que se combinan as mellores cousas tanto de un coma dos otros. E é que aquel Mundo Nuno non foi en absoluto suficiente. Foi a semente dunha Nunomanía da que somos parte.  E que dure!

crnds

Cernadas

O primeiro álbum en solitario de crnds, alias do compositor e produtor coruñés Alberto Cernadas, propón un diálogo entre a electrónica máis experimental e as melodías tradicionais galegas, conectando os alalás dos cantos populares que se manteñen vivos na memoria de informantes como Erminda, co noso presente dixitalizado, de samples e sintetizadores.

Malandrómeda

No inferno das ideas

O Hevi volve a mostrar a súa calidade noutro EP de Malandrómeda. Todo funciona nun proxecto no que a colaboración doutros artistas é máis directa do que estamos acostumados. Que é unha featuring, cando podes ter decenas delas. O inferno das ideas é exactamente iso: un mundo onde se cospen máis dunha pequena xenialidade nun espazo moi reducido.

BFlecha

ExNovo

Ao longo das doce cancións que compoñen este novo álbum, a artista viguesa é capaz de explorar unha proposta vangardista e diferente á maior parte da proposta electrónica galega, cun son que non ten medo a ser valente á vez que accesible, evocando imaxes únicas mediante as ondas sonoras que saen dos nosos altofalantes.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.