Kero Kero Bonito - Bonito Generation

Os 50 discos de 2019

Quedan xa soamente unhas horas para que remate o 2019, un ano que deixa tras de si 52 venres que chegaron cargados de decenas de lanzamentos musicais. Facer recapitulación do máis interesante do ano desde Galicia ata o resto do mundo nunca resulta sinxelo. Acostúmase a dicir que hai anos que destacan por enriba doutros, mais sempre son centos os discos que merecerían colarse nestas listas. Nós decidimos deixalo en 50.

Desta maneira hoxe gradúase este curso musical e en Balea aproveitamos para despedir o ano con esta lista coa que en certa maneira lembraremos o 2019 de agora en diante. Animámosvos a deixarnos nos comentarios cales foron os vosos mellores discos do ano, e seguimos léndonos en xaneiro.

Autoeditado

Thomas Dylan & Balea

Retratos

Ás veces, a lírica é o principal motor de Retratos. Moitas outras, é a música a que fala por si soa. Podemos atopar un álbum cheo de jazz, experimentación e rap clásico, todo sempre fusionado á perfección para traer temas convincentes e máxicos capaces de levarnos ao nirvana.

Autoeditado

Kokoko!

Fongola

Fongola é o álbum debut de Kokoko!, e trátase dun dos debuts máis enerxéticos dos últimos anos. Movéndose entre o afro-house e o punk, cunha chea de sintetizadores polo medio, dende a República do Congo chegounos neste 2019 un dos mellores bailes do ano.

Jagjaguwar

Bon Iver

i,i

Cómpre observar a traxectoria de musical de Justin Vernon, enxeñeiro de Bon Iver, como un todo en desenvolvemento, unha carreira composta por unha cuatriloxía de álbumes, cada un ambientado nunha estación do ano. Despois do desamparado e frío inverno de For Emma, Forever Ago (2008), a esperanzadora primavera de Bon Iver (2011) e o esplendoroso e experimentado verán de 22, A Million (2016), con i, i chega o outono. Un outono complicado e difícil de analizar, reflectinte do crepúsculo, do peche de ciclo dun músico que chegou ao cumio da súa madurez artística. A fragmentación rítmica, o MIDI e o autotune un relato cubista sempre supeditados á voz e persona de Vernon.

Columbia

Solange

When I Get Home

Lamentablemente, When I Get Home non é A Seat at the Table. Non é un mal disco, en absoluto, mais si que nun intento de establecer o seu son deixa atrás moita da maxia que fixo o seu anterior disco tan especial. E é esta sombra, tan alongada, a que fai que un disco tan bo como When I Get Home se quede nunha secuela dalgo máis grande. Os elementos que fan a música de Solange algo especial están aí, e non deixa de ser un disco minimalista e progresivo moi gozoso.

Heavenly Recordings

CHAI

PUNK

Non hai que deixarse enganar polo título do álbum: CHAI están moi lonxe do punk, mais iso non quita que estamos ante un fantástico disco de pop enérxico e tan optimista como feliz. Recomendado para todos aqueles que botan de menos aquel son que Kero Kero Bonito puxo nas nosas cabezas con aquel Bonito Generation.

Sub Pop

Weyes Blood

Titanic Rising

No cuarto álbum de estudio de Weyes Blood, Titanic Rising, Natalie Mering consegue unha síntese perfectamente equilibrada entre o vello e familiar e o novo e o inexplorado mediante as súas emotivas cancións que se moven a medio camiño entre o folk psicodélico e o pop.

Interscope

Billie Eilish

WHEN WE FALL ASLEEP, WHERE DO WE GO?

Cunha variedade estilística que pode dar medo, e entre o aburrimento e a excelencia, When We All Fall Asleep, Where Do We Go? postúlase como un debut do que se entende todo o que está a dar a falar, e que merece a pena escoitar varias veces.

El Segell del Primavera

Derby Motoreta’s Burrito Kachimba

Derby Motoreta’s Burrito Kachimba

O disco debut de Derby Motoreta’s Burrito Kachimba foi unha das maiores sorpresas entre os lanzamentos estatais deste 2019. A banda andaluza presenta a súa revisión do rock dos anos 70 a través da “kinkidelia” deste álbum onde as guitarras distorsionadas e os ritmos serven de base para unha voz que non esconde a súa orixe.

Interscope

Carly Rae Jepsen

Dedicated

Carly Rae Jepsen roza, ás veces, a parodia de si mesma. Cun público tan diverso como o que conseguiu, custa pensar que faga a súa música, aínda sendo pop, para alguén máis que para si mesma. En Dedicated non consegue repetir ese roce da perfección e frescura que supuxo E-MO-TION, pero podemos falar un disco que asenta ben as bases do seu pop cada día máis propio.

RISCO

Ana Frango Elétrico

Little Electric Chicken Heart

Dende un par de anos, o MPB volve pegar forte en Brasil. Ana Frango Elétrico achégase aos sons da samba dende outra perspectiva, traendo consigo melodías do pop e do jazz que converten a Little Electric Chicken Heart nun fantástico e apaixonado álbum cheo de luces no que a música fala por si mesma.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.