Os concertos imprescindibles do NOS Primavera Sound

A estas alturas, a labor dos festivais Primavera Sound por reunir á mellor música de actualidade do globo nun mesmo recinto é xa incontestable. Celebrada en Porto unha semana despois que o seu irmán maior -dúas décadas leva Barcelona sendo o epicentro mundial da música durante cinco días-, a novena edición do NOS Primavera Sound concentrará entre o 11 e o 13 de xuño a moitos dos máis importantes artistas e grupos do panorama actual. Estes son os oito imprescindibles de Balea.

FKA twigs

Tahliah Debrett Barnett di que é de Inglaterra, pero máis ben parece doutro planeta. FKA twigs non só firmou o noso disco favorito do ano pasado, senón que desde que se presentara ao mundo en 2014 con aquel maxistral LP1, sempre se moveu nunha constante innovación sen límites. Fervemos de ganas de poder vela sobre un escenario interpretando todos e cada un dos cortes que conforman MAGDALENE; sen lugar a dúbidas, a mellor proposta art pop do momento.

Tyler, The Creator

Explosivo. Poucas palabras poden definir mellor o seu estilo. Tyler, The Creator sempre fixo todo o que quixo, e sempre o fixo todo ben. Tras conquistar o panorama hip hop con Flower Boy (2017), Tyler deu un paso máis alá o ano pasado con IGOR; se cadra, un punto de inflexión que dentro duns anos veremos como o seu salto á madurez musical. Detrás da extravagancia coa que se está presentando en escenarios e alfombras vermellas estes días, agóchase o milimetrado plan dun artista por levar a súa obra de arte -porque non hai outra forma de definir IGOR– á perfección.

Derby Motoreta’s Burrito Kachimba

Conquistaron o noso corazón no Melona Fest do ano pasado e, meses despois, no Paredes de Coura. Derby Motoreta’s Burrito Kachimba non só supuxo o maior descubrimento do panorama musical do Estado para nós; para moitos outros tamén. O rock andaluz macarra, kinki e psicodélico xa figura nas primeiras liñas dos carteis de grandes festivais da península. Derby Motoreta’s son un dragón, e cos seus folgos están a tomar todo o que se lles pon ao seu paso.

Weyes Blood

O seu ambicioso e complexo último traballo, Titanic Rising, seduciu a crítica e público por igual, nunha cinemática oda á vida e ao amor con tintes apocalípticos. A proposta musical de Natalie Mering, máis coñecida como Weyes Blood, promete trasladarse ao directo como un lisérxico e envolvente espectáculo auditivo, de sons que flúen desde guitarras, teclados e sintetizadores e conflúen no folk e na psicodelia.

black midi

O álbum debut de black midi, Schlangenheim (2019), deixounos coa boca aberta. Custa crer que un grupo tan novo sexa capaz de facer tanto ruído é, á vez, conseguir ordenalo montando perfectas estruturas dentro de estruturas. Xa no Paredes o seu directo nos deixara perplexos: un espectáculo ecléctico e enérxico que fixo do público un tornado incesante. Non podemos esperar a repetilo; agora, cun escenario de dimensións que faga xustiza ao potencial da banda revelación do rock británico.

Little Simz

A británica é a nova gran promesa do rap mundial. Unha soa ollada a GREY Area (2019) provocaría en calquera a expectación de escoitar como soaría no escenario o explosivo rapping de Little Simz sobre as incribles bases que lle dan forma: potentes e diverxentes que golpean e seducen ao oído como poucos fixeron antes. Non custa afirmar que Little Simz pode estar recollendo o relevo que -explicitamente- lle deixou Kendrick Lamar.

Earl Sweatshirt

A imaxe que Earl Sweatshirt desprende pode resultar enganosa a primeira vista. Nin o seu apelido ficticio, nin a súa apariencia de bufón, nin sequera a portada e título da súa obra mestra –Some Rap Songs (2018)- reflicten a profundidade, tanto lírica como técnica, da música dun dos nomes máis importantes do rap actual. Agora chega ao NOS Primavera para presentar o seu último EP FEET OF CLAY (2019), que amosa a un Earl Sweatshirt tornándose cada vez máis escuro, narrativo, emocional e abstracto co paso dos anos.

Pavement

Pavement son unha lenda do indie rock dos 90. Tras sete álbumes de estudo, a banda disolveuse en 1999 para volver aos escenarios nunha xira de reunión, acompañada polo disco recopilatorio Quarantine the Past, un resumo perfecto do gran legado que deixaron ao todo o indie que veu despois-. Este ano reúnense de novo, pero soamente en dúas ocasións: o Primavera Sound Barcelona e o NOS Primavera Sound Porto. Como perder esta ocasión única para ver en directo a un dos grupos máis importantes da historia da música alternativa?

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.