Os Premios Martín Códax reafírmanse na forza do sector cultural fronte a COVID-19

A Asociación Músicas ao Vivo recoñecen os proxectos musicais máis destacados do país por sétimo ano consecutivo

Os premios Martín Códax celebraron onte a súa gala, que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde entregaron as estatuíñas das Melómanas. A Asociación Músicas ao Vivo recoñeceron os proxectos musicais máis destacados desta tempada por sétimo ano consecutivo. Así como o premio honorífico do certame, que recaeu na cantautora María Manuela.

Ao evento, conducido pola actriz e cantante Inés Salvado Gontad, só puideron acudir os premiados e as entidades patrocinadoras por mor das medidas sanitarias da COVID-19, mais foi tamén retransmitido en aberto por streaming. O encargado da dirección musical foi o saxofonista e gaiteiro Pedro Lamas, e o dramaturgo e actor Gustavo Dieste exerceu como director artístico.

Nesta edición, reafirmouse a forza das mulleres na música galega, resultando premiados proxectos como o de Guadi Galego, Carla Green & The Demons, Silvia Penide ou Najla Shami, por mencionar tan só algúns deles. Entre as novidades deste ano, cómpre facer especial mención á Banda de Música de Merza, que estreou a categoría de Bandas de Música Popular. Así como a Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre na de Música Tradicional e Caldo, premiados do novo desdobre das categorías de Música Tradicional e Folk, respetivamente.

No seu discurso final, a xunta directiva de Músicas ao Vivo quixo deixar clara a súa reclamación pola desprotección social e laboral endémica que sufre o sector, e que se veu reforzado pola actual crise sanitaria. Recalcaron a “precaria situación á que moitas e moitos músicos se ven abocados polas cancelacións de última hora, as reducións de aforo desmesuradas ou o peche de locais de música ao vivo” entre outras eivas ás que se ven sometidas.

Dende Músicas ao Vivo solicitan, entre outras medidas, que “as Administracións manteñan un firme compromiso coa cultura este ano e os vindeiros, coas partidas orzamentarias asignadas e respetando os compromisos adquiridos”. Salientaron a urxente necesidade dunha “prestación extraordinaria por cese de actividade para as músicas autónomas” que se adapte á singularidade laboral das profesionais, e a necesidade de rebaixar o IVE cultural en toda a súa cadea de valor.

Palmarés da 7ª edición dos Premios Martín Códax da Música Galega

  • Blues, Funk e Soul: Carla Green & The Demons
  • Canción de Autor/a: Silvia Penide
  • Metal: Broa
  • Electrónica: Músculo!
  • Jazz e Músicas Improvisadas: Manuel Gutiérrez Trío
  • Música Tradicional: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
  • Rock: Agoraphobia
  • Pop e Indie: Guadi Galego e a Banda Somerxida
  • Bandas de Música Popular: Banda de Música de Merza
  • Música Infantil: Magín Blando e a Banda das Apertas
  • Músicas do Mundo: Najla Shami
  • Música Folk: Caldo
  • Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo
  • Música Clásica e Contemporánea: Taller Atlántico Contemporáneo (TAC)
  • Reggae, Ska e Mestizaxe: High Paw & Elephants Yard
  • Coros e Grupos Vocais: Coro Cantabile
  • Músicas Urbanas: Laura Lamontagne & Picoamperio

Premios Organostrum

  • Salas: Naútico
  • Festivais: Festival Agrocuir da Ulloa
  • Proxectos de comunicación e difusión musical: Músicas Galegas Ilustradas
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.