‘Pegadiño a ti’, nova canción e videoclip de Verto

O dúo inmortaliza o confinamento nun dos seus temas máis maduros, acompañándoo por vez primeira dun vídeo musical

Onte tivemos a honra de adiantar un anaco do novo tema de Verto, xa dispoñible desde hoxe. Pegadiño a ti é o primeiro sinxelo do dúo desde que viu a luz Puro Ocio, o seu primeiro disco, hai tres meses. Os Verto seguen na súa liña de música urbana, mais desta vez traen unha novidade: por vez primeira, acompañan o seu traballo cun vídeo musical, realizado por Paulo Mouriño Pereiro (Mundo X) e protagonizado por Alex Mallo.

Pegadiño a ti foi composta no confinamento e nótase. Porén consegue escapar a data de caducidade coa que se auto-limitaron moitos dos produtos culturais que versan sobre o sentir en corentena. “Eu xa só penso en cando vou saír, botar uns bailes pegadiño a ti” son os versos que abren a canción, englobando todo o que quere transmitir: o sentimento de non poder recuperar o tempo que perdiches antes e durante a crise da COVID-19, mais tamén extrapolándoo á atemporalidade do estar triste e non ser capaz de desfrutar do que che rodea.

O estilo de Berto e Fer consolídase a pasos axigantados con cada material que publican. Non van nin oito meses desde que viu a luz a súa primeira canción, Rebolando x ti, e eles mesmos indican que Pegadiño a ti é unha sorte de revisión desta, nese aire tristón pero con ritmo reggaetoneiro. Mais a evolución é clarísima: unha produción máis limpa e harmónica, artellada que explora máis facetas do MIDI. Unha estrutura máis heteroxénea troca as capas entre verso, retrouso e ponte, estoupando finalmente na batukada que pon fin ao tema.

O concepto do vídeo musical correu por completo a cargo do director, Paulo Mouriño. Gravado en Compostela nunha tarde e con estética de vídeo caseiro, amosa ao seu protagonista, Alex Mallo, en diferentes escenas inconexas que reflicten a rutina da corentena. Esa era a finalidade última: reflectir o que calquera de nós puido vivir durante o confinamento, baixo un prisma de saudade.

Mediante as cores, os encadres e o granulado, desenvólvese unha narrativa temporal en pasado, coma un mosaico de recordos. O emprego de espellos fragmenta os planos e transmiten unha sensación de fortuitidade, coma se Alex non fose consciente de que está a ser gravado. A relación de aspecto da pantalla axústase ao seu estado emocional, e ábrese cando se sinte liberado -bailando ou paseando ao can-. A imaxe tamén se confina mediante marcos, reflectindo a saudade que impregna a canción.

Falando con Berto, Fer, Paulo e Alex, os catro quixeron salientar os poucos recursos empregados e as mínimas pretensións das que nace o proxecto global de Pegadiño a ti. Como unha iniciativa levada a cabo por catro rapaces en formación -Alex, a nivel actoral, é o máis profesional- pode saír ben. Sempre tomándose en serio, mais sendo colegas por enriba de todo.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.