Radiohead publican as sesións de gravación do OK Computer

Ao longo da última semana circulou como a pólvora o rumor de que se filtraran 18 horas das sesións de gravación do icónico OK Computer de Radiohead. Se ben estes audios non chegaron a aparecer por grandes plataformas como YouTube, comezaron a aparecer links para a súa descarga en distintos foros de internet.

Ante esta situación, a banda británica acaba de tomar a decisión de publicar oficialmente no seu Bandcamp este material entre o que se atopan gravacións antigas de True Love Waits, un ensaio de Paranoid Android de 11 minutos ou unha versión alternativa de Lift. O anuncio foi acompañado por este comunicado no que se sinala que o fin é evitar que os hackers que roubaron estes discos se lucren a través deles, facendo fincapé en que todos os beneficios obtidos a través das descargas de Bandcamp serán doados a organización contra o cambio climático Extinction Rebellion.

“Fomos hackeados a semana pasada: alguén roubou o arquivo de MiniDiscs de Thom dos anos do OK Computer, e tal e como se informou esixíronse 150.000 dólares baixo a ameaza de publicalo. Entón, en vez de queixarnos ​​ou ignoralo, estamos lanzando as 18 horas en Bandcamp en axuda de Extinction Rebellion. Só nos próximos 18 días. Así, por 18 £ podes saber se deberiamos ter pagado ese rescate. Estas gravacións non estaban destinadas ao consumo público (aínda que algúns clips foron publicados no cassette da reedición do OK Computer) só son tanxencialmente interesantes. E moi, moi longas. Non é unha descarga para realizar dende un teléfono. Está a chover bastante fóra, non si?”

Jonny

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.