Raposeiras Editorial aposta polos libros de arte para colorear e aprender

Raposeiras Editorial naceu durante o confinamento pola pandemia da COVID-19 e sae agora á luz. Na iniciativa únense a pasión polo deseño, as artes e a lectura: apostan por crear coleccións de libros temáticos, en diferentes linguas, que combinen contido informativo e didáctico para nenos e nenas; seguindo a filosofía de aprender facendo, onde o deseño, as artes e a lectura son os protagonistas.

Raposeiras nace coa misión de contribuír na educación das novas xeracións, fortalecer os seus coñecementos sobre referentes culturais e estimular a súa curiosidade polo mundo que lles arrodea. As súas coleccións de libros de actividades artísticas teñen o obxectivo de que os nenos e nenas poidan deixar voar a súa imaxinación e aprender dun modo máis entretido sobre pintura, música, fotografía ou literatura.

As súas impulsoras, Wendy, Carla e Paloma, son tamén as autoras da primeira colección da editorias: Eu nas vangardas. O primeiro dos cinco libros da colección, Cubismo, xa se pode reservar no sitio web da editorial. O equipo de Raposeiras Editorial ideou unha campaña de prevenda para poder financiar os seus inicios con esta primeira colección de libros de arte. Deseñaron diferentes packs nos que inclúen o seu primer libro sobre Cubismo, xunto a outros produtos raposeiros.

En Cubismo, os rapaces e rapazas poderán coñecer un dos movementos artísticos das vangardas a través de doce obras pictóricas de diferentes artistas: Luis Seoane, Pablo Picasso, Diego Rivera, Marevna, entre outros. Nunha páxina atópase unha ilustración da obra orixinal, acompañada de datos sobre a obra e do seu autor; na seguinte, un espazo cunha ilustración da mesma obra en líñas negras, onde o lector poderá realizar cos seus lapis de cores ou pinturas a súa propia versión do cadro.

Raposeiras editará as súas coleccións de libros en diferentes linguas: Castelán, Inglés e nas dúas normativas do galego -RAG, normativa oficial, e AGAL-.O seu interese pola edición en diferentes linguas reside no contexto actual de diglosia: “Apostamos polo binormativismo e temos un compromiso co noso idioma; defendemos a posibilidade de atopar material didáctico e cultural nas diferentes normas do galego, en castelán e en inglés.”

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.