Rexión de Galdia, o proxecto de Pokemon en galego, segue adiante e con forza

O seu creador agarda lanzar unha demo antes de que rematé o verán.

Despois duns meses de parón do proxecto, Rexión de Galdia segue adiante. Esta versión galega da famosa franquía de Nintendo é cada vez máis real. Despois dun tempo de inactividade, a súa conta de Instagram está máis viva que nunca. É máis, volve cun anuncio canto menos interesante: A Pokedex de Galdia xa está rematada.

“Galdia xa ten completa a súa Pokedex despois de case un ano de traballo”, explica o seu creador que comezou a dar forma este proxecto en agosto do ano pasado. “Quedaron moitas ideas fora”, indica. Finalmente, decidiu deixar os novos Pokemon en 100 “que xa son moitisimos, hai xogos oficiais que inclúen menos Pokemon novos”, valora.

Despois deste anuncio, o deseño dun fangame de Pokemon en galego parece cada vez máis preto. A parte artística do xogo está practicamente completa a falta configurar totalmente cales son os líderes de ximnasio, que estarán inspirados en persoaxes da realidade, aínda que “xa é un traballo moi avanzado”, ao igual que os antagonistas do xogo.

Segundo o creador, o espírito do xogo segue sendo o mesmo que ao principio do proxecto. “Quero facer un xogo de Pokemon en galego que non sexa paródico, senón algo similar a como sería un xogo oficial con inspiración galega”, explica.

Respecto á saída do xogo, aínda non está completamente confirmada aínda que se agarda que sexa real: “Xa hai mapa e unha historia en proceso de desenvolvemento, pero faltan cousas tan importantes como configurar as estatísticas e habilidades dos Pokemon creados, que avanzarei niso pouco a pouco”. Polo momento, tampouco hai música, aínda que se está a traballar para que Pokemon Galdia posúa temas orixinais.

“Canto antes gustariame que houbera unha versión inicial para probar cousas con dous ou tres ximnasios, estase traballando nesa dirección”, indica. Atrévese incluso a pórlle data a esta demo: “Gustariame que estivera antes de que remate verán”. Con todo, isto só pasaría de rematarse a traducción completa do material orixinal ao galego. Detalla tamén que unha vez o xogo estea vivo, a intención é engadir contido adicional que faga máis completo o universo de Galdia.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.