Rhome e Verto desafían o toque de queda en ‘Ambiente’

O dúo urbano predilecto do público galego colabora cun músico emerxente nun reggaeton en chave dura

O tema que promete ser o novo bombazo da música galega chega aos nosos oídos nun contexto canto menos irónico. Rhome e Verto presentan Ambiente en pleno toque de queda: sen festa, sen socialización, e incluso sen ocio en xeral. Unha colaboración que funciona como un chamamento ao baile de garito e ao consumo arriscado de alcohol. Unha reivindicación en tempos de confinamento parcial dos xoves noite en chave de reggaeton.

“É unha representación desas festas que faciamos antes da COVID, un pouco esa sensación de ir nas nubes borracho, nunha festa bailando, que non te decatas de nada pero estás a dalo todo”, explica Rhome. Nas palabras de Berto, voz de Verto, Ambiente é unha canción inédita na traxectoria da banda: “É un reggaeton que soa ‘gordo’, ‘guarrón’, ‘duro’; fóra dese ton débil que teñen as nosas cancións”. A portada de Ambiente fírmaa a ilustradora Claudia Romeu Domínguez (Instagram: @clorodo).

Rhome publicou o seu primeiro sinxelo, Enero, a finais de outubro

Pouca carta de presentación queda xa por facer de Verto, un dúo que aterrou hai apenas un ano no panorama galego para colarse rapidamente no máis escoitado da nosa música. Desta volta, presentan a Rhome –Pablo Romeu– ao seu público, a quen coñeceron por Instagram, cando este decidiu enviarlles unha das demos que gravara na corentena. Para a súa sorpresa, Berto e Fer aceptaron, compuxeron e gravaron a súa parte da canción, e Rhome mesturou a peza final.

Este é o segundo sinxelo de Rhome, tras o lanzamento de Enero hai apenas dúas semanas. Autodidacta e influenciado polos xéneros urbanos, os seus referentes abranguen un amplo espectro que vai desde Daft Punk e Gorillaz a Frank Ocean e Kanye West, pasando polas ondas máis mainstream de J Balvin, C Tangana ou Dellafuente. Neste último senso é por onde navega Ambiente, cun matiz ao reggaeton do reggaeton de “vella escola” de Don Omar e Daddy Yankee. Ficade atentas a un prometedor artista urbano en plena agromamento.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.