Steam Deck, a consola portatil de Valve, estará dispoñible en decembro

Para sorpresa de todos, Valve anunciou unha consola portátil. A compañía responsables de videoxogos como as sagas Portal ou Half Life e dona da principal tenda virtual de videoxogos -Steam-, presenta Steam Deck. O lanzamento está pensado para este mesmo decembro e non, a coincidencia de nomes non é casual.

Steam Deck semella un híbrido entre consola e ordenador portátil. Posúe un sistema operativo Linux para poder usala estando conectada a un monitor ou unha televisión mediante un sistema parecido ao que utiliza unha Nintendo Switch para xogarse no televisor. En principio, Steam Deck non está pensada para que ninguén desenvolva xogos para ela, senon que correrá todos os xogos que cada usuario teña gardados na súa biblioteca de Steam.

Respecto as especificacións técnicas do aparato, parece que hai unha aposta pola potencia. Steamdeck contará cun procesador AMD propio coas últimas especificacións coñecidas pola marca e 16 GB de RAM.

Haberá tres versións da consola nas que mudará o almacenamento. Un modelo con 64 GB (419€), un con 256 GB (549€) e un último de 512 GB (679€). Nos tres casos esta capacidade poderá ser ampliada mediante tarxeta micro SD.

A pantalla será de tipo LCD con 7 polgadas de tamaño e unha resolución de 1280×800 píxeles. Outro aspecto a destacar é o audio, cun DSP integrado con son envolvente que segundo a compañía busca “acadar unha experiencia inmersiva” e unha batería de 40 watios por hora que lle concederá unha autonomía de “sete ou oito horas”.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.