Stoyka despídense con nova música

A banda viguesa Stoyka está de estrea. Acaban de publicar o seu terceiro lanzamento de estudio, ‘Awake The Fields’, un EP moi especial para o grupo composto por catro novas cancións que ademais funciona como despedida a unha carreira que comezou hai xa máis dunha década. A pesar de saír agora á luz, ‘Awake The Fields’ non é exactamente un novo traballo. Foi gravado nos estudios Dopplermedia en Madrid, durante o verán de 2018 da man de Álvaro Sousa, da banda Maybe Nots, e amosa un son diferente para o grupo vigués, moito máis sinxelo e natural que o rock progresivo de lanzamentos anteriores.

“Estas cancións teñen menos efectos e parafernalia, queriamos un son máis natural e Álvaro axudounos a conseguilo, nós sempre fomos de xogar moito coa música ata rompela, como nos gustaba dicir, pero esta vez buscamos algo máis limpo con detalles do jazz e o neo-soul”, asegura Carlos, guitarrista da banda. Algo que se nota dende os primeiros arpexios de guitarra de ‘Harvest’ ou no tramo final de ‘Pruning’, onde mesmo semellan aparecer influencias da bossa nova brasileira.

Pero a verdadeira razón pola que este EP resulta un lanzamento especial para a banda é que foi a última gravación que realizaron con Jorge “Gato”, antes de que falecera de forma repentina ese mesmo ano. “Esto fixo que tivésemos todavía máis ganas de amosar o que fixeramos en Madrid e que funcionase como unha homenaxe ao noso compañeiro lembrando os bos momentos”, destaca o baixista Sebastián.

O obxectivo da banda era presentar estas novas cancións en directo, organizando unha xira para poder levalas por distintas salas, pero este obxectivo fíxose cada vez máis complicado. Primeiro pola situación dos propios membros da banda, que por cuestións de estudos ou traballo se atopaban en lugares distintos, e finalmente pola chegada da pandemia, que complicou todavía máis a posibilidade de organizar concertos. Finalmente ante este parón e a imposibilidade de adicar todo o seu tempo ao proxecto, Stoyka decidiron baixar a persiana.

Remata así a carreira dunha banda que comezou como moitas outras, cun grupo de amigos que se xuntaron no instituto en 2009 para tocar algunhas versións das súas bandas favoritas, e máis adiante empezaron a compoñer a súa propia música. “Nun primeiro momento non tiñamos máis expectativas que pasalo ben e ser guais, co tempo fomos coidando máis a creación musical, pero aínda así sempre tratamos de seguir aprendendo e divertirnos xuntos tocando”, sinala o cantante e teclista Gonzalo.

Durante os 12 anos que estivo en activo o proxecto, Stoyka convertéronse en uns habituais nas salas de concertos viguesas, e en especial en La Fábrica de Chocolate, onde chegaron incluso a disputarlle a Eladio Y Los Seres queridos o título da banda que máis veces se subiu a este escenario. Pero tamén tocaron en directo ao longo de toda a península, destacando en concreto a boa acollida que recibiu sempre a súa proposta en Portugal.

“Durante este tempo deunos tempo a xuntar moitos recordos e historias, tocamos dende sitios onde tiñamos que facer tomas de terra improvisadas para que os instrumentos non nos deran calambres a locais máis elegante, con cristaleiras que daban a unhas impresionantes vistas mentres o público ceaba”, apunta o guitarrista Daniel, que ao longo destes anos foi reunindo nun disco duro todas as gravacións de audio, vídeo e fotografías da banda. “Vai xa polos 150 gigas de arquivos, así que aínda que agora baixemos a persiana sempre teremos este baúl dos recordos”, asegura.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.