Tanxugueiras están de volta con ‘Midas’. Escóitaa!

Tanxugueiras están de volta e “rachando con todo”. O grupo acaba de presentar o seu novo single, Midas, un tema enérxico e poderoso no que o trío dá un xiro cara a fusión con estilos máis urbanos, próximos ao trap ou á electrónica; un camiño iniciado co seu anterior traballo, o noso disco galego favorito de 2019, pero que agora explicitan cunha peza que, a ollos das artistas, supón un punto de inflexión na súa carreira.

Midas é o tema que, neste momento, queremos facer, na procura dunha sonoridade moi persoal, moi nosa, sen controversias e sen prexuízos. Este Midas é Tanxugueiras: somos tres mulleres empoderadas que saben de onde veñen e o que queren. E quen escoite o single, escoitará ritmos urbanos, un sonido moi moderno, pero recoñecerá a base da música tradicional, tan da terra, tan rítmica. Tan nosa”, apuntan as cantareiras.

O lanzamento chegou acompañado dun videoclip “moi moderno e rompedor” producido por Trece Amarillo e PlayPlan Cultural. “Estamos moi contentas con este novo single. Midas é un tema contundente, poderoso e con moito carácter no que levamos traballando moito tempo. Con el chegamos a un extremo da nosa sonoridade ao que non chegaremos até o de agora e que, por suposto, seguiremos explorando”, sinalan Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro.

Ademáis, continúa a nova tempada da serie de conversas virtuais Mira unha cousiña…, na que as artistas botan unha ollada á actualidade a través de encontros con figuras do mundo cultural, deporte ou lecer. Despois da primeira conversa co músico Carlos Núñez, co cal o grupo colaborou no programa especial de apertura da Porta Santa interpretando unha versión da Fariña composta por Iván Ferreiro, Tanxugueiras convidarán o día 8 ao bailador, músico e profesor de danza Xisco Feijoó. De cara ao luns 15, a cantante Aiala falará coas pandeireteiras do novo álbum, que sairá á venda o venres 12, e o papel da música soul e r’n’b no panorama actual. Finalmente, a xornalista Esther Estévez, presentadora na TVG de #DígochoEu, participará no Mira unha cousiña… o luns 22 de febreiro.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.