Aureole (Elven), Iago Gordillo de Recuncho Gamer e Andrea García en Música e Videoxogos

Tres propostas galegas, finalistas nos premios de videoxogos Devuego

Tres propostas galegas son finalistas nos premios estatais Devuego, base de datos do sector dos videoxogos a nivel español. Trátase do videoxogo Aureole de Elvendwarf que opta a Mellor Xogo para móbiles; da canle divulgativa Recuncho Gamer, candidata a Mellor Medio Audiovisual; e de Música e Videoxogos, iniciativa da Fundación Museo do Videoxogo que procura acadar o premio a Mellor Evento. As votacións están abertas ata o 27 de xaneiro para o público rexistrado gratuitamente na páxina de Devuego, a principal base de datos do sector do videoxogo en España.

Aureole é un xogo de quebracabezas de plataformas creado por Gerardo Borjes “Elvendwarf” que está dispoñible de balde para navegadores e para dispositivos Android, Windows e Linux. O obxectivo do xogo é conseguir levar un aro a través de 45 niveis cheos de obstáculos nos que xogamos con distintas físicas e rebotes.

Recuncho Gamer, é o proxecto audiovisual que leva Iago Gordillo que procura a divulgación de forma amena sobre os videoxogos, entendendo a estes como un produto cultural no que converxen moitas artes. Trátase do primeiro programa en exclusivo para Twitch e YouTube que opta a un Premio Mestre Mateo e é a canle de YouTube en galego sobre videoxogos máis vista de 2021, e gañadora do premio pioneiro do certame YouTubeiras. O proxecto suma máis de 150.000 visualizacións dos seus contidos en 14 meses e máis de 3.500 seguidores nas distintas redes sociais.

O evento Música e Videoxogos foi un evento pioneiro realizado pola Fundación do Museo do Videoxogo no Museo de arte Contemporáneo de Vigo no que se fusionou unha exposición de consolas e videoxogos cun concerto de piano con pezas musicais dos xogos expostos. O concerto foi interpretado por Andrea González e contou co apoio audiovisual das imaxes dos xogos que soaron. A Fundación do Museo do Videoxogo é a primeira fundación en España adicada exclusivamente ao mundo dos videoxogos e recoñecida de “interés galego” pola Xunta de Galicia. Conta cunha exposición que se pode visitar as tardes dos sábados en Cangas.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.