A International Academy of Television Arts & Sciences ven de facer
públicos os nomes dos seus novos integrantes, entre os que se atopa o Alfonso
Blanco, director xeral da produtora Portocabo. Deste xeito, Blanco convértese
no primeiro galego en formar parte desta organización.
Fundada en 1969 e con sede en Nova York, a International Academy of
Television Arts & Sciences é a maior organización de empresas
de produción, distribución e radiodifusión do mundo. Anualmente,
recoñece a excelencia na programación de televisión producida fóra dos Estados
Unidos a través dos Premios Emmy, que se celebran cada ano no Hotel
Hilton de Nova York atraendo a máis de 1.200 profesionais da televisión.
Polo momento, na listaxe de membros que compoñen a Academy of Television Arts & Sciences só se atopaban seis membros do Estado español, aos que se lle engade agora Alfonso Blanco como sétimo integrante.