Watchmen, adaptar é entender

Ver Watchmen (Zack Snyder, 2009) tendo lido antes Watchmen (1985-86) provoca unha sensación curiosa, non necesariamente desagradable en principio. Pásalo ben, pero hai algo que falla. Aí están os personaxes, os diálogos, escenas calcadas do cómic. Coma xa fixera Snyder en 300 (2006). Acaba a película, incluso podendo dicir que che gustou. Pero dentro sabes que non viches Watchmen, que iso que usou todos os elementos do cómic non é para nada remotamente semellante a el, senón algo moi distinto. Zack Snyder seguro que o leu, moitas veces, espero, pero desde logo ou non o entendeu ou non quixo (ben por medo, ben por capacidade) mergullarse na xigantesca historia que hai dentro del.

A película nace errada de inicio. Díxose mil veces que Watchmen era inadaptable e, quen o diría, resulta que era verdade. Primeiro, é unha banda deseñada cun forte compoñente episódico (como a maioría, vaia), pero que foi etiquetado coma “novela gráfica”, como se reunir a historia nun tomo cambiara algo da súa natureza. O carácter capitular do cómic é vital para o seu completo entendemento, non é tan só unha maneira estandarízante de dividir a narración.

Watchmen é unha conta atrás continua, fálasenos do “reloxo do fin do mundo” e a maioría de reloxos visibles dan ás menos cinco, o mundo estase a ir a pique, e Alan Moore non para de dicírnolo. Incluso a estrutura de viñetas dentro das páxinas marca un ritmo equitativo, cerrado, como o tic-tac dun reloxo, esa sensación de que vai a pasar algo, esa tensión transmítese a través do ritmo dos cadros, algo que só se pode facer nunha banda deseñada. Desta maneira, cando unha das viñetas se sae do tamaño habitual, é sorprendente, sabemos que o que pasa é importante, emocionante, determinante. Por iso no último capítulo, cando ocorre o gran acontecemento final, “o fin do mundo”, só hai viñetas enormes.

Na película esta sensación non se presenta por ningures. O ritmo é trepidante, ao estilo de Zack Snyder, presenta unha historia épica, que pretende molar e entreter. Evidentemente, o traballo de adaptación pasa por un criterio de selección das partes máis importantes dunha historia, da trama, o que en Watchmen é particularmente difícil, xa que a historia é un todo tan compacto que calquera cambio pode ter consecuencias graves sobre o total da narrativa. Entendo que Snyder se cargue practicamente todo o subtexto e as personaxes secundarias, por cuestións de tempo (e ainda así dura 3 horas), pero as decisións que toma con respecto a trama principal ou todo o que ten que ver cos personaxes principais son decisións desacertadas, falando desde un punto de vista da adaptación. De novo, voltamos a tese principal, Snyder non (quixo?) entendeu nada.

Antes de entrar concretar os puntos clave, quero referirme a carreira de Snyder, en canto a que visiblemente non era o director idóneo para este proxecto. Ata o 2009, dirixira “O amencer dos mortos viventes” (2004) e “300” (2006), dous filmes con tramas rápidas, excesivas, cun ritmo narrativo moi veloz, que tenden cara sentimentos fortes como o terror ou a épica de maneira bastante clara. Centrándonos en 300, que vén dun cómic (supoño que iso “de vir dun cómic”, foi polo que lle deron Watchmen, como se por vir dun mesmo medio dúas historias foran ser semellantes), en ambos medios a narrativa ten unha liña moi semellante, forzando a épica, a acción, a fantasía, no fondo e na forma. Dalgunha maneira tanto a intención de Frank Miller no cómic coma a de Zack Snyder no filme converxen nunha mesma dirección, que deriva nun éxito, tamén a nivel de crítica. Con Watchmen a impresión que da é que isto non sucede en ningún momento, e que os estilos, desta volta, de Moore e Snyder, non poden estar máis afastados, así como a súa intención a hora de reflectir o que queren contar nos seus respectivos medios.

Basicamente, Alan Moore quere transcender e Zack Snyder quere molar. Watchmen, no cómic, é unha historia sobre o penoso que é ser un superheroe na vida real, sobre o tocado da ala que tes que estar para ser un, sobre o triste que pode chegar a ser a condición humana. Xira arredor do lema “Quen vixía aos vixiantes?”, que ten unha lectura política clara sobre a realidade. Watchmen, na película, é unha “historia máis de superheroes, que son todas iguais” que diría Scorsese. E no camiño desfigura a historia orixinal, colléndoa e vomitándoa como algo novo, pero que ule realmente mal. A pregunta que nos facemos agora é “Quen vixía a Zack Snyder cando fai unha película?”.

Rorschach, o fascista reprimido cun sentido da xustiza distorsionado pasa a ser un superheroe íntegro (coas súas ideas), sincero, bravo, que defende o xusto, que morre de forma épica e non desintegrado nunha soa viñeta, regular, como todas as demais, polo Dr. Manhattan. Ou Búho Nocturno, que no filme é practicamente Batman, un home vigoroso, e que no cómic é un fetichista ao que só se lle levanta se antes lle pegou a alguén estando disfrazado. Espectro de Seda pasa dunha muller preto da crise dos 40, triste, que tan só busca satisfacción sexual rápida sen intereses, a unha rapariga sexi e namoradeira no cómic. Todo o penosos que son, que teñen que ser os protagonistas, pasan a ser un elenco cinematográfico de seres marabillosos, cuns perfís nos que non se profunda nin se desenvolven na películas, cando na obra escrita se incide unha e outra vez niso.

A superficialidade do filme e tal que non hai maneira de conectar con esta serie de xente que deberían ser persoas ridículas que se disfrazan de superheroes, e non superheroes de verdade, acabando cun dos temas prioritarios da banda deseñada. Pero tan só é unhas das cousas que Snyder terxiversa, porque a historia tamén a modifica, cambiando literalmente a final, esquecendo o plan megalómano de Ozymandias, a súa visión elitista do que debe ser o mundo, unha simulación de invasión alieníxena, englobado nun plan perfecto. No filme, Snyder busca un final comercial, heroico, que se opón a visión do cómic, onde aceptan o “mal menor” (literalmente Búho Nocturno na película acaba berrando desesperado a morte de Rorschach mentres que no cómic marcha a intimar con Espectro de Seda).

No película, o final volta aos estándares do xénero cunha explosión tras un plan cutre e rastreiro de Ozymandias, que ademais non nos pode dar máis igual, xa que non afecta a ninguén que viramos antes. Non sucede así no cómic, no que se desenvolven longo e tendido unha serie de personaxes secundarios que forman o universo social do mundo de Watchmen, e cos que imos crecendo coa lectura de maneira que, coa resolución do plan de Ozymandias, non nos podemos sentir máis que desolados ante a morte de todo este elenco, xusto no momento no que todos confluían.

Snyder pasa tanto do espírito do cómic que nin sequera se detén a imitalo no plano estético, como xa fixera (de maneira moi adecuada e espectacular) en 300. De novo, continúa a copiar algunhas viñetas, mais todo se sente diferente tamén no visual, xa que non respecta os lapis de Gibbons e as cores de Higgins. Neste senso, Watchmen ten un estilo eminentemente pulp, á imitación dos clásicos, con cores primarias e brillantes, que lle da un toque case irónico entre o colorido do debuxo e o penoso da trama, que se reforza cos deseños de Gibbons, que da forma a uns superheroes tristes e acabados. Na película non se ve, xa non nada disto, senón o oposto completamente. Os superheroes son magníficos, espectaculares, están feitos para ser guais. E as cores? Pois nesa liña tamén, tons escuros, misteriosos, innecesariamente dramáticos e mate. O planeta Marte rosado tan característico do cómic pasa a un ton marrón, aburrido, noxento. Os momentos do Dr. Manhattan no planeta veciño son os mellores momentos da banda deseñada, e convértense no máis tedioso do filme.

Watchmen non é unha película terrible, non está mal. É outro entretemento superheroico dentro do mainstream, mais preto da fórmula DC que da de Marvel, que se queda curtísima na comparación co cómic. Zack Snyder colleu unha obra única, e transformouna nun produto máis, que non destaca especialmente sobre outros. Ironicamente, como exemplo, a escena máis recordada do filme son os títulos de inicio, que foi de libre creación do director, e no que define o seu estilo para o resto da película (o cal, como vimos dicindo, non foi o adecuado).

Recentemente, baixo a supervisión de Damon Lindelof (Lost, Leftovers), estase a desenvolver a serie Watchmen, que recolle (non adapta) o universo do cómic e os temas que trata. Tan só con iso, xa basta para que sexa máis interese que o filme, que se queda moi afastado de todo o que significou na industria da banda deseñada, que xunto a outras obras clave como O regreso do cabaleiro escuro ou Daredevil: Born Again, ambas de Frank Miller, significaron o punto de inflexión no que os superheroes se fixeron “maiores”, capaces de impactar no máis fondo da persoa que lea este tipo de cómics.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.