Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre publican o single ‘Illas de Sal’

O segundo single do disco 'As Catedrais Silenciadas' vén acompañado dun vídeo enmarcado na Costa da Morte

Illas de Sal é a canción escollida por Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre como segundo single e vídeo do seu novo álbum, As Catedrais Silenciadas (Músicas de Salitre, 2020). A peza está protagonizada por Sofía Souto Carballido, unha nena bailadora, e está enmarcada na Costa da Morte. Nela poden verse espazos emblemáticos da bisbarra como o Monte Pindo ou A Boca do Río (Carnota). 

A peza é unha xota que ten a súa orixe nun tema recollido na zona de Corcubión polo estadounidense Alan Lomax que é, para moitos expertos, un dos etnomusicólogos máis importantes do século XX. Na Costa da Morte fixo unha gravación dunhas mulleres e Díaz inspirouse nesa melodía. A partir desa fonte creou unha nova parte: un coro que non existía na composición orixinal. O texto tamén é autoría do artista, coa excepción dalgunhas liñas que teñen unha orixe tradicional.

O vídeo é algo que o músico sempre tivo na cabeza. Nas palabras de Díaz, trátase de poñer imaxe ao “xogo dunha pícara que está, en realidade, bailando co mar”. De feito, no tema orixinal que rexistrou Lomax hai 68 anos tamén se fala de cuestións relacionadas coa nosa costa.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.