Xbox move ficha nuns Game Awards que coroaron a Sekiro

Microsoft aproveitou a gala dos Game Awards para desvelar a apariencia da súa nova consola, cuxo nome definitivo é Xbox Series X e que todavía non ten data de lanzamento fixada, aínda que se sabe que sairá a finais do vindeiro ano. A entrega de premios estendeuse ata as tres horas e rematou con Sekiro: Shadows Die Twice como mellor xogo do ano. O título español GRIS (Nomada Studios) gañou o premio Games For Impact.

Uns galardóns moi repartidos

A pesar de que a superprodución de Hideo Kojima estaba nominada en oito categorías, ao final só puido facerse con tres estatuíñas: Mellor dirección, Mellor banda sonora e Mellor interpretación (Mads Mikkelsen). O Xogo do Ano recaeu sobre a última obra de FromSoftware, Sekiro: Shadows Die Twice, que tamén levou o galardón a Mellor xogo de acción/aventura. O triunfador da noite foi, contra todo pronóstico, o título independente estonio Disco Elysium, que se impuxo nas catro categorías ás que estaba nominado: Mellor narrativa, Mellor xogo independente, Mellor debut independente e Mellor xogo de rol.

Hidetaka Miyazaki, director de Sekiro: Shadows Die Twice, recolleu o premio a mellor xogo do ano

O battle royale de Respawn, Apex Legends foi coroado como Mellor multixogador por diante de xigantes como Modern Warfare ou Borderlands 3, mentres que o mítico League Of Legends reafirmou o seu dominio dos e-sports recibindo o premio a mellor xogo desta faceta da industria. Por último, na Mellor dirección artística deu a sorpresa Control, o novo de Remedy, que se impuxo ao remake do Link’s Awakening e Sayonara Wild Hearts, absolutos favoritos nesa categoría.

A lista completa de premiados pódese consultar aquí.

Microsoft dá a campanada con Series X

A primeira das máis dunha decea de exclusivas mundiais que o show de Geoff Keighley tiña preparadas foi o grande anuncio de Microsoft: o proxecto Scarlett amosou a súa forma por primeira vez e o seu nome oficial é Xbox Series X. O seu vídeo de presentación deixa claras as intencións da compañía estadounidense:

Ao igual que a PS5, da que non se teñen novas polo momento, sairá ao mercado a finais de 2020, coa época festiva. O deseño desta Series X é totalmente diferente da tendencia que seguía Microsoft. Desta volta é un cubo, unha especie de torre da que, polo momento, pouco sabemos. Pero para amosar do que é capaz, Microsoft tiña un vídeo de presentación máis:

Senua’s Saga: Hellblade II é unha realidade e será un dos títulos exclusivos da consola de nova xeración de Microsoft. Trátase da continuación dun dos xogos máis destacados de 2017, desenvolto por Ninja Theory. Para o xogo non hai ningunha data anunciada polo momento, pero probablamente sexa un dos que apareza no catálogo da consola desde o seu lanzamento.

Sony déixase ver con Godfall

O outro título da nova xeración que se deixou ver polos Game Awards foi Godfall. Desenvolto por Counterplay Games e publicado por Gearbox, trátase, segundo o descrito por un dos seus responsables na propia gala, dun looter-slasher, é dicir, un xogo de acción centrado no combate corpo a corpo no que os inimigos deixarán atrás ao seren derrotados botín que mellorará ao noso personaxe. Este xogo foi anunciado para 2020 como exclusivo da PlayStation 5, polo que probablemente será un dos seus títulos de lanzamento.

Algúns dos anuncios máis destacados da gala foron Ori And The Will Of The Wisps –que foi fixado para o 11 de marzo de 2020–, Ruined King e Convergence –dúas aventuras en solitario dentro do universo de League Of Legends–, o tráiler prometido de Ghost Of Tsushima –anunciado para verán– e a confirmación de The Wolf Among Us 2.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.